Guillermo García Janeiro pasa a profesionais co Efapel portugués: "Aínda non mo creo"

Pontevedra
23 de xullo 2021

O ciclista pontevedrés comprometeuse ata final de tempada co conxunto portugués, co que xa disputou as primeiras carreiras. "É unha boa opción para saír, darse a coñecer e meter a pata en profesionais a ver como se corre", recoñece

Guillermo García Janeiro xunto ao seo pai antes de participar nunha das súas primeiras carrerias co Efapel
Guillermo García Janeiro xunto ao seo pai antes de participar nunha das súas primeiras carrerias co Efapel / Guillermo García Janeiro

O Efapel de Portugal deulle a oportunidade ao pontevedrés Guillermo García Janeiro de estrearse no pelotón ciclista internacional.

O deportista da Boa Vila comprometeuse ata final de tempada cun dos mellores equipos lusos, co obxectivo de gañar a confianza dos responsables da formación e poder demostrar a súa valía.

"Aínda non mo creo", recoñece García Janeiro. "É polo que levo soñando desde que mo empecei a tomar en serio", sinala o ciclista sobre un reto no que "me están poñendo a proba, pero din que están contentos co meu traballo e a ver se para o ano queren seguir contando comigo".

Guillermo debutou coa camisola amarela fosforito do Efapel nunha carreira en Viana do Castelo, e tamén correu xa a Volta a Portugal do Futuro que o seu equipo gañou con André Domingues.

Desta forma o ex-corredor do Froiz e esta tempada do Club Ciclista Farto, tras frustrase a súa saída a un equipo francés, segue os pasos doutros ciclistas galegos que toman a vía portuguesa para explorar o profesionalismo. "É unha boa opción para saír, darse a coñecer e meter a  patita en profesionais a ver como se corre", asegura.

Aínda se atopa en fase de adaptación á nova categoría, porque "se vai moi moi rápido", explica, algo do que "me dei xa conta na primeira carreira, facendo de saída case 50 de media con costas e curvas, e iso en amateurs poucas veces ou ningunha ocorre".

En todo caso "estou en modo esponxa, aprendendo todo o que podo e máis", defende Guillermo García Janeiro, que no seu equipo conta con ex-corredores World Tour en equipos como o Movistar ou o Bahrain. Todo un máster acelerado que espera lle axude a seguir crecendo sobre a bicicleta.