Guillermo García Janeiro ficha polo Farto tras frustrarse o seu paso a profesionais

Pontevedra
27 de xaneiro 2021

O ciclista pontevedrés, que os últimos anos defendera as cores do Supermercados Froiz, negociaba o seu salto á categoría profesional nun equipo de nova formación, pero ao non frutificar incorporouse ao Team Farto chamado a ser un dos homes fortes da formación

Guillermo García Janeiro na concentración de pretempada do Froiz en 2020
Guillermo García Janeiro na concentración de pretempada do Froiz en 2020 / PontevedraViva

O salto á categoría profesional do pontevedrés Guillermo García Janeiro terá que esperar.

O ciclista, campión de España contrarreloxo en categoría xuvenil e que as últimas campañas defendeu as cores do Supermercados Froiz, negociaba a súa fichaxe por un equipo profesional de nova creación tras desvincularse da escuadra alimenticia, pero finalmente a operación non cristalizou.

Ante esa situación García Janeiro decidiu fichar polo Club Ciclista Farto, o outro representante da cidade no pelotón elite e sub-23, co obxectivo de ser un dos líderes do equipo.

"É un grupo que vai dar máis dun susto aos grandes equipos da categoría e estou moi ilusionado co proxecto", sinala o corredor tras confirmarse a súa fichaxe despois dun 2020 que "non foi un ano bo para min a pesar da miña boa forma. Entre a situación da covid-19 e que enlacei caída tras caída nas carreiras, foi un ano para esquecer".

"Estaba case asinado para poder subir a profesionais pero ao final non puido ser", recoñece o pontevedrés mostrando o seu agradecemento a "Abel Farto e Brais Dacal por facerme un oco cando xa tiñan o equipo pechado".

Agora, coas súas novas cores "o obxectivo principal é facelo o mellor posible e loitar en cada carreira", explica revelando ademais cal será outra das súas metas para 2021, porque "teño unha débeda pendente cos Campionatos de España de contrarreloxo".

Pola súa banda o director do equipo, Brais Dacal, mostrouse "moi ilusionado coa súa fichaxe" asegurando que "Guille ten un potencial enorme e unhas capacidades físicas que lle permiten ser un grandísimo rodador".