A principios do mes de novembro, e tras case seis meses desde o final da pasada tempada, Libasse Guèyereaparecía por sorpresa na Boa Vila exercitándose co filial.
Sen oco no primeiro plantel, confeccionado sen esperar por el a pesar de ter contrato ata xuño deste 2024, o senegalés poñíase ás ordes de Jesús Ramos no Pontevedra B, en Terceira RFEF.
A inactividade pasoulle factura, e nos seus primeiros encontros co filial non destacou especialmente. Foi titular xa no seu segundo choque, aínda que non foi ata o cuarto, contra o Arosa, cando completou por primeira vez os 90 minutos.
Seis partidos chegou a disputar o extremo co Pontevedra B antes do parón do Nadal, nos que o equipo adestrado por Jesús Ramos sumou apenas 2 puntos de 18 posibles, caendo á zona de descenso.
Con todo algo cambiou coa entrada de 2024. O filial iniciou o ano encadeando dous triunfos na casa e un empate a domicilio (7 puntos de 9 posibles) que lle fixeron recobrar impulso e agarrarse ás súas opcións de permanencia na categoría. Seguen en descenso con 18 puntos, pero a só uno xa da salvación.
Nesa reacción tivo moito culpa Guèye, e é que o senegalés empezou a achegar e a ser o futbolista diferencial que debe ser en Terceira RFEF, con tres goles nas tres últimas xornadas, sempre saíndo como titular e ante rivais chamados a estar na zona alta da táboa.
Libasse fixo un dobrete que valeu tres puntos fronte á UD Ourense (2-1), e volveu mollar a última xornada no 2-0 contra o Somozas. Unha boa noticia para os de Jesús Ramos.
Tal e como sinalou recentemente o secretario técnico granate Charles, nunha entrevista a PontevedraViva, "por agora vai a quedar no filial". Esa parece polo menos a idea do club, co seu posto ben cuberto no primeiro plantel, aínda que se segue a crecer no seu rendemento todo pode pasar de aquí a final de tempada.