Dez xornadas e máis de dous meses despois chegou a segunda derrota ligueira do Poio Pescamar e fíxoo cando menos esperábase, na pista do Guadalcacín andaluz, un equipo que ata agora só lograra dúas vitorias, marcando a zona de salvación, pero que viña avisando da súa franca melloría nas últimas xornadas.
O certo é que as andaluzas souberon facer o seu partido, freando ao Poio na primeira parte para sorprenderlo en toda a liña nunha segunda na que chegaron todos os goles.
Con este resultado, as mozas de Marcio Santos, que non se atoparon cómodas en ningún momento en terras gaditanas, deixan escapar a oportunidade de manterse ao ronsel de Atlético e Burela, sendo superadas na táboa por Universidad de Alicante.
As locais fixeron das rápidas transicións ofensivas a súa arma fundamental, tras unha primeira parte igualada e con dominio alterno de ambos os equipos e varios remates que acabaron na madeira.
Aos dous minutos do segundo tempo, Lorena de disparo raso culminando unha contra a pase de Luci abría o marcador.
O Poio Pescamar tentou subir a intensidade do seu xogo buscando o empate, pero serían as locais quenes marcasen o segundo, esta vez por obra de Trini á pase de Luci a porta baleira, tras outra rápida transición ofensiva.
Marcio Santos optaba entón por alternar o xogo de cinco en situacións ofensivas, pero sen resultado e na recta final do partido, Trini culminaba outra contra a pase de Lorena para poñer o 3-0 e a continuación Lorena, de penalti, facía o cuarto ante un Poio desacertado que unicamente conseguiu maquillar minimamente o resultado no último minuto cun tanto de Ale de Paz.
GUADALCACÍN FSF (4): Caridad; Carla, Pepa, Lorena e Bibi (quinteto inicial). Tamén xogaron, Desi, Trini, Luci, Ogalla e Inma.
POIO PESCAMAR (1): Silvia; Iria Saeta, Ceci, Patri Corral e Cárol (quinteto inicial). Tamén xogaron, Ale de Paz, Vanessa e Jennifer.
Árbitros: Manuel Linares e Kevin Trujillo (Andalucía). Amoestaron a Ogalla no Guadalcacín e Iria Saeta, Ceci e Cárol no Poio Pescamar.
Goles: (1-0) Minuto 22: Lorena. (2-0) Minuto 31: Trini. (3-0) Minuto 37: Trini. (4-0) Minuto 38: Lorena, de penalti. (4-1) Minuto 39: Ale de Paz.
Incidencias: Pavillón Municipal (Guadalcacín). Uns 150 espectadores.