O Gran Premio Cidade de Pontevedra, unha carreira consolidada na Copa de España Féminas de Ciclismo

Pontevedra
25 de marzo 2025
Actualizado: 14:07

O certame nacional de ciclismo feminino en estrada regresa por quinto ano consecutivo a Pontevedra cunha proba que terá lugar o vindeiro domingo, día 30 de marzo

Presentación do quinto Gran Premio Cidade de Pontevedra de ciclismo
Presentación do quinto Gran Premio Cidade de Pontevedra de ciclismo / PontevedraViva

A Copa de España Féminas de ciclismo en estrada chega á Boa Vila por quinto ano consecutivo cunha nova edición do Gran Premio Cidade de Pontevedra.

A proba, que se disputará o vindeiro domingo 30 de marzo, repite formato cun percorrido con saída e chegada na Avenida das Corvaceiras nun circuíto que levará ás ciclistas até Marín e no que "o Alto da Porteliña é un pouco o que marca as diferenzas", explicou na presentación do evento o seu organizador, Serafín Martínez.

Trátase en todo caso dun "percorrido bastante chairo" e que "gusta moito ás ciclistas", sinalou.

Serán "máis de 400 ciclistas e máis de 40 equipos" os que participarán na xornada deportiva nas súas diferentes categorías.

A actividade comezará xa ás 9.00 horas da mañá do domingo coa carreira cadete, de 44,2 quilómetros.

Despois será quenda ás 10.30 horas da proba júnior e máster (65,4 quilómetros) para finalizar coa carreira reina, a elite e sub-23, con saída ás 12.45 horas e un percorrido de 99 quilómetros.

O Gran Premio Cidade de Pontevedra é a cuarta cita puntuable da tempada na Copa de España Féminas.

A presentación do evento deportivo contou coa presenza da concelleira de Deportes, Anabel Gulías; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez; e o responsable de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides.