Gorka Gómez denuncia "presións políticas aos clubs" para que apoien a xestión da venda de entradas do España-Italia

Pontevedra
28 de novembro 2023

O deputado socialista cre que "é moi razoable que se tente apoiar ao fútbol feminino da provincia de Pontevedra pero é un pouco sangrante que desde a institución provincial poñendo 200.000 euros de todos os pontevedreses e pontevedresas se financien as entradas de clubs doutra provincia"

Gorka Gómez fronte ao Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra
Gorka Gómez fronte ao Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

A polémica xerada pola venda de entradas para o partido da Selección Española contra Italia no Estadio Municipal de Pasarón non termina de apagarse.

O deputado provincial socialista Gorka Gómez denunciou este martes as "presións políticas aos clubs" para que apoien publicamente a xestión da repartición de entradas entre as entidades deportivas de toda Galicia.

"Nos últimos días coñecemos que os clubs de fútbol da provincia recibiron instrucións da Deputación e da Federación Galega de Fútbol para emitir comunicados de apoio á xestión da venda de entradas. Hai que lembrar que reciben subvencións da institución provincial. Parécenos canto menos perigoso utilizar este tipo de vías para defender unha xestión que de xeito evidente foi un desastre e un escándalo manifesto", afirmou Gómez.

O anterior responsable de deportes da administración provincial recoñece que "é moi razoable que se tente apoiar ao fútbol feminino da provincia de Pontevedra pero é un pouco sangrante que desde a institución provincial poñendo 200.000 euros de todos os pontevedreses e pontevedresas se financien as entradas de clubs doutra provincia".

"Coa venda en liña simulada enganouse á cidadanía de Pontevedra. Aínda non sabemos a día de hoxe se algunha persoa foi capaz de compar algunha entrada", afirmou o representante do PSOE nunha comparecencia realizada fronte ao Pazo Provincial.