Gómez Noya rompe un brazo adestrando e pérdese os Xogos Olímpicos

Pontevedra
14 de xullo 2016
Actualizado: 19:42

Sufriu unha caída en bicicleta este mércores mentres adestraba en Lugo que lle causou unha "fractura con desprazamento da cabeza de radio" no seu brazo esquerdo, segundo informou o seu equipo de comunicación. Será operado este xoves. "Pode que sexa o momento máis duro da miña vida deportiva" recoñece o triatleta galego

Javi Gómez Noya no hospital tras confirmase a súa rotura no brazo
Javi Gómez Noya no hospital tras confirmase a súa rotura no brazo

Duro golpe para Javi Gómez Noya, que se perderá por lesión os Xogos Olímpicos de Río de Janeiro, cita na que depositara todos os seus esforzos esta tempada en busca da medalla de ouro.

O triatleta galego sofre unha "fractura con desprazamento da cabeza do radio" do seu brazo esquerdo, causada por unha caída en bicicleta "xusto ao acabar o seu adestramento en Lugo, practicamente en parado", explicou a través dun comunicado o seu equipo de comunicación.

"Ao levantarse notou unha dor no brazo esquerdo que motivou que fose ao hospital a que lle atendesen", continúa a explicación, confirmando as radiografías o peor dos prognósticos. 

Gómez Noya: "Pode que sexa o momento máis duro da miña vida deportiva"

"É difícil de entender como repentinamente vanse todo o esforzo e a ilusión que puxen nos JJOO. Pode que sexa o momento máis duro da miña vida deportiva", recoñeceu o pentacampeón mundial no comunicado, no que sinala que "non me queda máis remedio que asumilo e pensar en ter unha boa e rápida rehabilitación".

Gómez Noya era unha das principais opcións de medalla olímpica do equipo español e do deporte galego en Río de Janeiro.

OPERADO CON ÉXITO EN LUGO

Sen apenas tempo para dixerir a noticia, Gómez Noya foi operado este xoves no Hospital Policlínico Lucense (Polusa) pola doutora Luisa Ibáñez.

A intervención, na que lle colocaron dous parafusos no seu brazo esquerdo, desenvolveuse sen complicacións, pero a recuperación será lenta e antóllase complicado que volva competir na presente tempada.