Gómez Noya renuncia a competir no Mundial de Dúatlon de Pontevedra

Pontevedra
20 de maio 2014

O campión do Mundo de Triatlón prioriza a proba das Series Mundiais que se disputa o mesmo día en Londres, competición na que é líder destacado tras impoñerse nas tres primeiras carreiras

Javier Gómez Noya antes dun adestramento en Pontevedra
Javier Gómez Noya antes dun adestramento en Pontevedra / Mónica Patxot

A pesar de declarar publicamente a súa intención de competir en Pontevedra, chegar a inscribirse e mesmo figurar na convocatoria do equipo español, Javier Gómez Noya decidiu renunciar ao Mundial de Dúatlon que se disputará na cidade de Lérez os días 31 de maio e 1 de xuño.

Así o anunciou este martes o triatleta, que prefire priorizar as Series Mundiais competindo o mesmo día en Londres.

Gómez Noya, actual líder da competición con 2.400 puntos, avantaxa en máis de 300 puntos a Jonathan Brownlee (2.066) despois de sumar tres triunfos nas tres primeiras carreiras, comezando de xeito inmellorable a súa defensa do título.

Ese comezo inmaculado non resultou suficiente para que decidise ausentarse de Londres, pois o cambio no regulamento aumenta de catro a cinco probas as que puntuan na clasificación das sete que compoñen o calendario das Series Mundiais, ademais da Gran Final.

A pesar de contar con marxe para perderse algunha cita, o galego preferiu gardarse esa carta para a parte final do campionato e centrarse no seu principal obxectivo da tempada, revalidar o título Mundial de tríatlon.