Gómez Noya proclámase por segunda vez na súa carreira campión do Mundo de medio Ironman

Pontevedra
10 de setembro 2017

O triatleta galego segue agrandando a súa lenda ao proclamarse campión do Mundo de Ironman 70.3 na localidade estadounidense de Chattanooga tras unha gran remontada na carreira a pé final. É o seu sétimo cetro mundial, segundo na media distancia

Javi Gómez Noya entra na meta como vencedor do Mundial Ironman 70.3 de Chattanooga
Javi Gómez Noya entra na meta como vencedor do Mundial Ironman 70.3 de Chattanooga / Ironman

A lenda de Javi Gómez Noya non deixa de crecer no mundo do tríatlon, e é que o galego proclamouse este domingo na localidade estadounidense de Chattanooga campión do Mundo de Ironman 70.3.

Preparara a cita a conciencia, marcada en vermello como o principal obxectivo da tempada, por iso partía entre a terna de grandes favoritos e non defraudou.

Gómez Noya controlou a proba desde o inicio, regulando á perfección as súas forzas en cada momento para remontar e sentenciar nos 21 quilómetros de carreira a pé.

Na natación abriu oco sobre os seus principais rivais xunto ao estadounidense Ben Kanute, con preto dun minuto de vantaxe na primeira transición, e non se puxo nervioso cando Kanute distanciouse e algúns deses triatletas non só lle alcanzaron nos 90 quilómetros de ciclismo senón que marcharon tamén por diante. O campión galego controlou a distancia e chegou á última transición con 4 minutos e medio de perda sobre o líder algo máis de 30 segundos sobre o resto de favoritos.

Tocaba correr, o punto forte de Javi Gómez Noya, e aí foi cun ritmo demoledor como foi superando rivais ata alcanzar a cabeza no quilómetro 12 do medio maratón e marchar en solitario cara á gloria.

Ao final marcou un tempo de 3 horas, 49 minutos e 45 segundos superando con autoridade ao segundo clasificado, Ben Kanute, e ao británico Tim Don, que completou o podio final.

É o sétimo título mundial do triatleta afincado en Pontevedra, segundo na media distancia tras o conseguido en 2014, e que chega apenas unha semana antes de que afronte a Gran Final das Series Mundiais en Róterdan, á que chega en segundo lugar da clasificación xeral para xogarse o campionato nun man a man co mallorquino Mario Mola.