É a carreira do ano no tríatlon internacional, e entre os grandes aspirantes ao triunfo estará Javier Gómez Noya.
O máximo expoñente do tríatlon pontevedrés, galego e nacional participará o vindeiro domingo 6 de decembro no Challenge Daytona, que terá lugar no mítico óvalo automobilístico ou Speedway do estado de Florida. Trátase do primeiro Campionato da PTO (Organización de Triatletas Profesionais), cunha bolsa en premios dun millón de dólares.
Por todo iso ademais de Gómez Noya a carreira masculina contará, entre outros, con Alistair Brownlee, Vincent Luis, Lionel Sandres ou Sebastian Kienle. "Podes ver a lista de saída e están o mellor da ITU e o mellor da longa distancia xuntos e iso faino máis interesante. Non hai moitas oportunidades para competir cos mellores", recoñece desde Daytona o galego nunha entrevista oficial da carreira conducida por Bob Babbitt.
En relación ao Challenge de Daytona "é unha gran localización para a carreira, estou emocionado", asegura Noya, aínda que o circuíto non se adapte demasiado ás súas condicións. "Definitivamente non é o meu favorito. É impresionante, moi rápido. Non se adapta ao meu perfil pero estiven adestrando para iso", explicou na entrevista.
O Campionato da PTO desenvolverase en formato de media distancia, con 2.000 metros de natación, 80 quilómetros de bicicleta e 20 quilómetros finais de carreira a pé.
"A distancia é un acerto, fai a proba máis interesante. Os triatletas ITU teñen a favor a natación e poida que a carreira a pé, pero os de longa distancia teñen un trazado de bici completamente chairo para ir axustados", analiza horas antes da proba uno dos grandes favoritos á vitoria.