Gómez Noya pon data para a súa volta ao calendario ITU, a Copa do Mundo de New Plymouth

Pontevedra
04 de marzo 2019

O campión galego, que está a desenvolver gran parte da súa pretemporada en Nova Zelandia, apuntouse á proba da Copa do Mundo que se celebrará neste país o 31 de marzo. Será o seu regreso, tras ano e medio, a unha competición do calendario ITU

Javi Gómez Noya, no Ironman 70.3 de Barcelona
Javi Gómez Noya, no Ironman 70.3 de Barcelona / Ironman

Aos poucos o calendario da tempada de Javier Gómez Noya vai tomando forma.

Tras debutar esta tempada con vitoria no Ironman 70.3 de Geelong, Australia, o que supuxo a clasificación para o Mundial da especialidade, agora confírmase unha nova competición, no que supoñerá o seu regreso un ano e medio despois ao calendario da Federación Internacional de Tríatlon (ITU).

O campionísimo galego aparace na lista de inscritos da Copa do Mundo de New Plymouth, Nova Zelandia, que se disputará o día 31 de marzo.

Gómez Noya, que está a realizar boa parte das súas preparación este curso no país oceánico, buscará nesta competición, baixo distancia sprint, probarse para a súa anunciada volta ás Series Mundiais, que previsiblemente terá lugar o 27 de abril en Bermuda.

Tras a cita coas Series Mundiais aparece marcado en vermello tamén o Mundial de Longa Distancia de Pontevedra, que se disputará o sábado 4 de maio e no que xa confirmou a súa presenza.