Javier Gómez Noya aparcará a próxima tempada a distancia olímpica na busca dun novo e esixente reto, o Campionato do Mundo de Ironman en Hawaii, un dos escernarios icónicos da historia do tríatlon.
Así o confirmou o triatleta galego nunha visita á escola do Tríatlon Ferrol, que leva o seu nome, na que repasou ante os medios de comunicación a súa tempada e os novos retos que lle agardan.
"Levo moitos anos de distancia olímpica. Non descarto volver, non descarto os Xogos de Tokyo pero quizais o ano que vén poida ser un bo ano para tentar Hawaii", recoñeceu.
Esta decisión implica a súa renuncia para disputar as Series Mundiais ITU de 2018, fóra dalgunha cita puntual, xa que "se o meu obxectivo é Hawaii as Series Mundiais teño que deixalas un pouco de lado porque non se poden compaxinar" a nivel de preparación e datas, sinalou.
É un reto, explica, que afronta "con ganas de aprender" e consciente de que "non será fácil pero creo que podo render ben e imos tentalo".
Esta decisión de pasarse ao Ironman coincide no tempo coa aposta de Pontevedra pola longa distancia, acollendo xa en 2018 o Campionato de España da especialidade previo paso do Mundial de 2019, no Gómez Noya declarou a súa intención de participar.
Antes de finalizar a tempada, Javi Gómez Noya ten por diante unha última e emocionante carreira, a derradeira proba da Tripla Coroa de tríatlon, na que correrá coa opción de levar unha recompensa dun millón de dólares, a que se outorga ao vencedor no mesmo ano dos Ironman 70.3 de Dubai, Chattanooga e Bahrein.