Gómez Noya, Pablo Dapena e Saleta Castro, na preselección española para o ITU Multisport Festival de Pontevedra

Pontevedra
01 de febreiro 2019

A Federación Española de Tríatlon deu este venres a preselección dos deportistas que participarán nos campionato do Mundo que se celebrarán en Pontevedra entre o 27 de abril e o 4 de maio, cun importante protagonismo local na longa distancia

Saleta Castro, no Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia
Saleta Castro, no Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia / Paula Sanmartín

A afección pontevedresa poderá apoiar aos seus máximos referentes no mundo do tríatlon durante o ITU Multisport Festival que se celebrará na cidade entre o 27 de abril e o 4 de maio.

A Federación Española de Tríatlon fixo pública a preselección elite para os campionatos do mundo, cun claro protagonismo pontevedrés na especialidade da longa distancia.

Alí estará o vixente campión mundial, Pablo Dapena, do mesmo xeito que o campeonísimo Javi Gómez Noya, que recentemente confirmou o seu desexo de estar na liña de saída da proba. Xunto a eles na proba de longa distancia (4 de maio) o tudense Gustavo Rodríguez, campión nacional na longa e media distancia. Completa a preselección masculina Albert Moreno, bronce europeo de media distancia, e o vasco  Ander Okamika, subcampión de España en 2018.

Outro dos nomes para seguir aparece na categoría feminina coa pontevedresa Saleta Castro, en busca dun gran resultado na casa e nun equipo no que tamén figuran Gurutze Frades, Anna Noguera, Judith Corachán e María Pujol.

En dúatlon o referente do equipo español serán o andaluz Emilio Martín e a xoven Irene Loizate, podio no último europeo, estando o resto de prazas aínda no aire.

Pola súa banda na modalidade de tríatlon cros España contará co actual campión do Mundo, Rubén Ruzafa, xunto a Kevin Tarek Viñuela, Laura Gómez, Camilo Puertas e Rocío Espada.