Gómez Noya, Mario Mola e Jonathan Brownlee caen da lista de saída para a Copa do Mundo de Tríatlon de Pontevedra

Pontevedra
04 de xullo 2022

Os tres campións do Mundo estaban incluídos na prelista para a proba, pero renunciaron a tomar parte da mesma. A pesar diso si se manteñen importantes nomes do tríatlon internacional como o vigués Antonio Serrat ou o surafricano Henri Schoeman, bronce olímpico en 2016. Tampouco estará finalmente en Pontevedra a británica Georgia Taylor-Brown, subcampioa olímpica en Tokyo 

Javi Gómez Noya durante os Xogos Olímpicos de Tokyo
Javi Gómez Noya durante os Xogos Olímpicos de Tokyo / Tommy Zaferes / World Triathlon

O pentacampión do Mundo de tríatlon en modalidade olímpica, Javier Gómez Noya, non participará finalmente na Copa do Mundo que se celebrará na súa cidade, Pontevedra, o próximo 24 de xullo.

Gómez Noya, do mesmo xeito que outros campións mundiais como o mallorquino Mario Mola ou o británico Jonathan Brownlee, figuraban na preinscrición da proba publicada pola Federación Intercional (World Triathlon) a finais do mes de xuño, pero caeron da lista de saída tras a súa última actualización.

No caso do galego, seguirá por tanto centrado nos seus novos retos na longa distancia, pensando principalmente no Campionato do Mundo Ironman que se celebrará en Hawaii o próximo mes de outubro.

A pesar destas importantes ausencias a Copa do Mundo de Pontevedra, na que se testará o circuíto que se usará na Gran Final das Series de 2023, si contará con outros grandes nomes do panorama internacional, empezando polo vigués Antonio Serrat e seguindo entre outros polo surafricano Henri Schoeman, bronce olímpico en 2016, ou o portugués Joao Pereira, campión europeo en 2017.

Pola súa banda na carreira feminina tamén se produciu na última actualización unha baixa destacada, a da británica Georgia Taylor-Brown, subcampioa olímpica en Tokyo, manténdose na lista as nacionais Miriam Casillas, Anna Godoy ou Sara Guerrero, xunto a triatletas dunha vintena de nacionalidades.