Gómez Noya exhíbese en Montreal e logra o seu segundo triunfo do ano nas Series Mundiais

Pontevedra
06 de agosto 2017

Javi Gómez Noya volveu ao máis alto do podio nunha proba das Series Mundiais de tríatlon. O triatleta galego impúxose con autoridade na sétima proba do circuíto, celebrada este domingo na cidade canadense de Montreal

Javier Gómez Noya, entrando na meta nas Series Mundiais de Montreal
Javier Gómez Noya, entrando na meta nas Series Mundiais de Montreal

Javi Gómez Noya volveu ao máis alto do podio nunha proba das Series Mundiais de tríatlon. O triatleta galego impúxose con autoridade na sétima proba do circuíto, celebrada este domingo na cidade canadense de Montreal.

Gómez Noya, que arrastraba molestias desde a anterior cita, non deu opción aos seus rivais e chegou á meta en solitario, completando a carreira -1.500 metros a nado, 40 quilómetros en bicicleta e 10 de carreira a pé- nun tempo 01:47:50.

Foi quince segundos máis rápido que o noruegués Kristian Blummenfelt e 52 que o surafricano Richard Murray, terceiro en Montreal.

O deportista afincado en Pontevedra controlou a carreira desde o principio. Estivo atento na natación e entrou no grupo escapado de oito unidades que rodou en solitario os 40 quilómetros de ciclismo. Xunto a el rodaban Jonathan Brownlee e Blummenfelt como rivais máis perigosos de cara o título final.

Por detrás, un grupo moito máis numeroso rodaba a distancias próximas ao minuto e no que se atopaban Mario Mola e Vicente Hernández.

Unha vez deixadas as bicicletas na segunda transición, os primeiros quilómetros estiveron comandados polo trío formado polo propio Gómez Noya, o británico Jonathan Brownlee e o noruegués Blummenfelt. Pero pouco antes de chegar ao ecuador, no quilómetro 5, un cambio de ritmo deixou ao galego en solitario na cabeza lanzado a por o ouro.

Para Gómez Noya é o seu décimo cuarto triunfo nunha proba das Series Mundiais, o segundo de 2017 despois, do da proba inaugural, disputada en marzo en Abu Dhabi.

Con esta vitoria, Javi Gómez Noya sobe ao segundo lugar provisional das Series Mundiais, que segue liderando Mario Mola con 3.664 puntos, 303 máis que o galego

A seguinte proba das Series Mundiais disputarase en Estocolmo a finais de agosto.