Gómez Noya estrea tempada no Challenge Cancún xunto a Saleta Castro

Pontevedra
30 de abril 2021

Primeira carreira do ano para pentacampión mundial en  disptancia olímpica, no medio da súa preparación para Tokyo e aproveitando a súa concentración en México para aclimatarse á calor e a humidade que se esperan nos Xogos. A carreira, de media distancia, terá lugar o vindeiro domingo 2 de maio

Tríatlon popular homenaxe a Javi Gómez Noya
Tríatlon popular homenaxe a Javi Gómez Noya / Diego Torrado

A tempada 2021 arrinca en México para Javier Gómez Noya e para Saleta Castro, co Challenge Cancún que se celebrará o vindeiro domingo 2 de maio.

Gómez Noya elixiu a illa mexicana de Cozumel para adaptarse á calor e á humidade que se esperan no verán nos Xogos Olímpicos de Tokyo, condicións que tamén se atopará nesta primeira carreira, neste caso de media distancia cun percorrido de 1,9 quilómetros de natación, 90 quilómetros en bicicleta e outros 21 correndo.

"Semana de competición! Empezo a tempada competindo en Challenge Cancún este domingo, despois dunha boa concentración aquí en Cozumel. Vai facer calor", sinalou en redes sociais o pentacampión mundial en distancia olímpica.

Será "unha competición de preparación na que espero competir a bo nivel", explicou á súa vez nun vídeo do propio Challenge Cancún, recoñecendo que está "desexando volver poñerme un dorsal".

Na lista de saída figuran triatletas de nivel como o suízo Wild Ruedi, o austríaco Michael Weiss, o sueco Patrick Nilson ou o estadounidense Andy Potts.

En canto á categoría feminina, será tamén a primeira proba da tempada para Saleta Castro, participante xunto a Gómez Noya da concentración de adestramento en Cozumel. A pontevedresa volverá competir desta forma nunha proba de media ou longa distancia despois de máis dun ano sen poder facelo.

A carreira masculina dará comezo ás 13.30 horas do domingo (hora española) e a feminina ás 13.35 horas.