Gómez Noya e Pablo Dapena, a pola Ryder Cup do tríatlon, o evento co maior botín da historia

Pontevedra
21 de xaneiro 2020

A carreira enfrontará ás seleccións de Europa, Estados Unidos e o resto do mundo en Eslovaquia entre o 29 e o 30 de maio na distancia de medio  ironman

Pablo Dapena e Gómez Noya adestrando en Lanzarote
Pablo Dapena e Gómez Noya adestrando en Lanzarote / Pablo Dapena

A cidade eslovaca de Samorin acollerá entre o 29 e o 30 de maio un dos maiores espectáculos globais de tríatlon. A primeira edición da Collins Cup enfrontará aos doce mellores triatletas de Europa contra os de Estados Unidos e contra os do resto do mundo para determinar que rexión domina este deporte no mundo. E o botín para os gañadores será o maior da historia: dous millóns de euros. Por ese prezado cetro poderán competir Javier Gómez Noya e Pablo Dapena, que aínda non están seleccionados pero si ocupan os postos altos do ránking e están entre os favoritos.

Promovido pola PTO (Professional Triathletes Organisation), cada rexión realizará unha selección de doce triatletas, seis homes e seis mulleres. Deles, catro homes e catro mulleres serán seleccionados polo seu ranking. Cada selección elixirá un capitán, que será o responsable de elixir as catro prazas restantes.

A distancia que decidirá ao combinado gañador será un medio Ironman, 1900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé. O sistema de competición será tamén novo, pois enfrontará nunha carreira a tres bandas a un deportista de cada un dos tres combinados.

En total serán doce carreiras e para establecer a clasificación xeral concederanse tres puntos ao primeiro clasificado de cada carreira, dúas ao segundo e un ao terceiro. Ademais concederase medio punto de bonus por cada dous minutos de distancia con respecto aos perseguidores ata un máximo de punto e medio. Ademais, o combinado que termine o evento en última posición recibirá o dubidoso premio de Broken Spokes (Radios Rotos), co obxectivo de fomentar a rivalidade e o ánimo de desquite entre seleccións en futuras edicións.

A do 2020 será a primeira edición da Collins Cup, bautizada deste xeito en honra ao matrimonio que promoveu fai corenta anos o tríatlon de longa distancia na illa de Hawaii. O obxectivo da organización é celebrar ao longo dos próximos anos este evento en diferentes sedes de todo o mundo.