A Sociedad Deportiva Teucro volveu a gañar con comodidade no segundo partido da tempada grazas ao acerto de Xurxo Rivas e Dani Vicente, que cos seus 11 e 10 goles, respectivamente, foron claves no triunfo deste sábado ante un Ribeiro que desapareceu na segunda metade.
Comezou o encontro con completa igualdade, ata que a exclusión de David Costa cando se alcanzaba o cuarto de hora de xogo cambiou todo por completo.
Dun empate a seis pasouse a un 6-9 da man de Sergio Blond e Xurxo Rivas, o técnico local parou o tempo pero xa nada puido facer para deter ao Teucro, que co paso dos minutos gustábase cada vez máis.
A partir de aí, os de Irene Vilaboa seguiron ao seu. O Ribeiro tentaba non tirar a toalla e mantíñase a tres ou catro goles por detrás, ata que a falta de 30 segundos para o intermedio, Pablo Gayoso foise dous minutos ao banco, deixando ao seu equipo cun menos e Rivas aproveitouno para facer o 11-16 co que se chegou ao descanso.
Despois do paso polos vestiarios os de Ourense rendéronse e o Teucro non tivo rival, marchándose ata os sete tantos aos 15 minutos do segundo tempo.
O Ribeiro xa se borrou do partido pero os de Pontevedra aínda querían máis e aproveitaron os últimos minutos para facer aínda máis grande a diferenza, sentenciar por 21-33 e dar un novo golpe de autoridade.