Golpe de autoridade do Astana tras gañar con claridade a contrarreloxo por equipos entre Vilanova e Sanxenxo

Pontevedra
24 de agosto 2013

Vincenzo Nibali golpea primeiro. O seu equipo, o Astana, logrou o triunfo na primeira etapa da Vuelta Ciclista a España 2013. Foron os máis rápidos na contrarreloxo por equipos coa que se iniciaba a proba. Foron os únicos que percorreron os 27 quilómetros entre Vilanova de Arousa e Sanxenxo en menos de media hora. O esloveno Janez Brajkovic, primeiro en cruzar a liña de meta, é o primeiro líder da rolda

O equipo Astana na contrarreloxo por equipos, ao seu paso por Cambados
O equipo Astana na contrarreloxo por equipos, ao seu paso por Cambados / Deputación de Pontevedra

Vincenzo Nibali golpea primeiro. O seu equipo, o Astana, logrou o triunfo na primeira etapa da Vuelta Ciclista a España 2013. Foron os máis rápidos na contrarreloxo por equipos coa que se iniciaba a proba. Foron os únicos que percorreron os 27 quilómetros entre Vilanova de Arousa e Sanxenxo en menos de media hora. O esloveno Janez Brajkovic, primeiro en cruzar a liña de meta, é o primeiro líder da rolda.

Como se prevía, foi unha etapa espectacular. Xa desde o principio, coa saída dos equipos desde a batea mexilloeira situada no porto deportivo de Vilanova de Arousa. Un a un foron chegando á plataforma en barco, acompañados dos seus técnicos por se se producía algún problema. Pero nada fallou. Nin na batea nin na plataforma formada por planchas de metacrilato que a unía con terra firme.

Para a historia quedará os alemáns do NetApp - Endura. Debutantes nunha gran rolda, convertéronse no primeiro equipo en pisar a batea e, polo tanto, en empezar unha proba ciclista desde o Océano Atlántico. E non o fixeron nada mal. Arroupados en todo momento polos miles de afeccionados que presenciaban o paso da caravana ciclista pola estrada, completaron rapidísimo o percorrido, concluíndo cun tempo de 30'34".

Foron destronados por un dos equipos favoritos nesta etapa, o Omega Pharma de Tony Martin. O equipo belga rebaixou o crono en 19 segundos, ao parar o reloxo 30'15". Pero o seu liderato durou pouco. O tempo que tardaron en chegar á meta de Sanxenxo os ciclistas do RadioShack, co italiano Fabian Cancellara á cabeza, que finalizaron seis segundos por baixo desa marca, 30'09".

O Movistar de Alejandro Valverde, malia realizar unha moi boa contrarreloxo, non puido superar ese rexistro. Chegaron a meta en 30'28". Foron, en todo caso, trinta segundos máis rápido que o equipo doutro dos favoritos, o Katusha de Purito Rodríguez, que se afundiu no treito final da etapa.

Trala chegada de ambos, todas as miradas estaban postas no Astana, que xa no segundo punto intermedio marcara o mellor tempo. E non decepcionaron. Entraron en meta cun tempo de 29'59", o mellor dos 22 equipos. Tras cederlle paso Vincenzo Nibali nos últimos metros, o esloveno Janez Brajkovic vestiuse o primeiro xersei vermello da Vuelta Ciclista a España 2013.

Nibali, segundo na clasificación xeral tras esta primeira etapa, avantaxa polo tanto ao resto dos favoritos ao triunfo final. Sácalle 29 segundos a Alejandro Valverde e 59 a Purito Rodríguez. Ambos tratarán de recortar esa desventaxe xa na segunda etapa, a primeira con final no alto.

SEGUNDA ETAPA: PONTEVEDRA-BAIONA

Na segunda etapa chegará o primeiro final no alto. Serán 177,7 quilómetros entre Pontevedra ata o Alto do Monte dá Groba (Baiona), onde estará situada a liña de meta. Podería ser un día propicio para os intentos de escapada, aínda que as forzas, aínda intactas, permitirán ver unha gran batalla entre os homes importantes. Os ciclistas que busquen a clasificación xeral estarán ante a súa primeira oportunidade para brillar.

A saída producirase ás 13.20 horas. A etapa terá a súa saída neutralizada para que os corredores pasen por gran parte do centro de Pontevedra. Será un percorrido que, desde a Praza de España, irá percorrendo Michelena, Peregrina, Cobián Roffignac, Avenida de Bos Aires, Avenida de Uruguai, Ponte das Correntes, Domingo Fontán, Ponte, Avenida de Bos Aires, Pai Gaite, Fernando Olmedo, Casimiro Gómez, Loureiro Crespo, Benito Corbal, Sagasta, Peregrina e Avenida de Vigo.

Ao chegar á N-550 darase a saída lanzada. A partir de aí irá pasando por Arcade, Redondela, Vigo, Nigrán, Gondomar, O Porriño, Ponteareas, Salvaterra, Caldelas, Tui, A Garda e Baiona, antes de finalizar no Alto da Groba, unha subida inédita na Vuelta Ciclista a España. Un alto duns 11 quilómetros, cunha pendente máxima do 10%, que podería deparar as primeiras sorpresas da proba. A chegada está prevista contra as 17.40 horas.