O Marín Futsal goleou este sábado ao descendido Rayo Majadahonda e engánchase á permanencia na máxima categoría do fútbol sala feminino español a falta de tan só tres partidos por disputarse. Débora Lavrador foi a protagonista do partido anotando cinco goles.
Con todo, a pesar de ser un partido de obrigado triunfo para as xogadoras de Ramiro Díaz, foi o conxunto local o que monopolizó a posesión e as mellores ocasións coas que puido poñerse por diante.
Co paso dos minutos, o Marín Futsal foise facendo coa batuta de xogo e atopou na estratexia a súa salvación. Bravo recibiu na frontal un saque de banda e sacou un potente centro-chute que Gi Portes, dentro da área, tocou o xusto para subir o 0-1.
Tivo as súas opcións o Rayo Majadahonda para devolver o empate, pero foron as marinenses, de novo a balón parado, as que ampliaron a distancia no luminoso. Café púxoa ao segundo pau e Débora Lavrador anotou o 0-2.
Tras o paso polos vestiarios o conxunto visitante seguiu aos seu e dun posible 1-2 pasouse ao 0-3. María Barcelona estrelou unha falta ao traveseiro e Débora Lavrador iniciou un solitario contragolpe que transformou no terceiro tanto.
O Rayo Majadahonda aumentou a presión e atopou o premio por medio de Chili, pero os intentos do equipo local de seguir recortando distancias foron en balde e foi o Marín Futsal o que continuou transformando practicamente cada chegada a área rival. Débora Lavrador anotou o 1-4 tras unha gran combinación en campo rival, despois Café fixo o 1-5 a porta baleira, nunha rápida contra subiu o sexto tanto e Café de novo sentenciou finalmente transformando o 1-7 co que concluíu o duelo.
Consulta a acta nesta ligazón