Partido dunha soa dirección. Case un monólogo do Pontevedra, que impuxo a súa superioridade técnica sobre un animoso Bertamiráns. Os locais víronse encerrados polo pulo dun equipo granate disposto a non se deixar sorprender e resolver pronto o partido.
Conseguiuno levado da man dun Pablo Carnero, novamente decisivo, tanto na finalización coma na construción da maioría de accións de ataque do seu equipo, sentenciando o resultado con dous goles en pouco máis dun minuto, para logo seguir martelando un rival que a medida que pasaban os minutos se ía facendo máis e máis vulnerable.
Os 10 primeiros minutos foron xa un anticipo claro do que logo sucedería. Tres ocasións claras para os granates, a primeira con gol anulado a Jorge incluído, por man previa do dianteiro sinalada polo asistente e máis que discutible, a segunda nun remate de Pablo Carnero, de espora, que parou José e a terceira nun remate de cabeza de Campillo, tras falta lanzada por Mouriño, que sae rozando o poste cando se cantaba o gol.
Sería un anticipo do que logo sucedería, tras case quince minutos de madurar o adversario. Unha falta lanzada por Mouriño entra Pablo Carnero ao remate, touca de cabeza, o balón desvíao Ánder sorprendendo a José.
Apenas pasara un minuto e Pablo Carnero habilita de espora para Jorge, deixándoo só ante o meta local. Nesta ocasión o dianteiro rompe o seu gafe co gol para facer o segundo, elevando o coiro.
Aínda habería máis antes do descanso. Mouriño converte nunha obra de arte un lanzamento de falta dende o balcón da área, despois de disputarlle o lanzamento a Pablo Carnero, que o quería para si. O coiro superou a barreira para coarse pola mesma escuadra.
E o castigo para o voluntarioso pero moi limitado equipo local puido ser maior de ter acertado Campillo nun remate de cabeza, minuto 43, con toda a portaría para el, que se foi por enriba da travesa.
Por se había algunha dúbida sobre a superioridade visitante, ao pouco de continuarse o partido Jorge, que fallara unha boa ocasión un minuto antes, no 51 culmina unha gran xogada iniciada por Pablo Carnero, con cesión a Mouriño e rexeitamento apurado do meta local, que deixa o balón morto para que o dianteiro granate empurre.
Cinco minutos máis tarde de novo Jorge faría o quinto, aproveitando un balón solto na área, momento no que Luisito decidiu que era hora de baixar un puntiño a intensidade e reservar forzas. Retira a Pablo Carnero e Álvaro Muñiz, para dar minutos aos menos habituais, Benja e Fran Fandiño, que serían protagonistas do sexto gol, con remate o poste de Fandiño e disparo inapelable de Benja, minuto 73.
Antes, o Bertamiráns tirara de orgullo, aproveitando uns minutos de relaxación do Pontevedra para crear un par de ocasións perigosas, ben abortadas por Edu, e mesmo mandar un balón ao longueiro, en lanzamento de falta a cargo de Juancar.
E como a can fraco todas son pulgas, houbo tempo para un gol en propia porta, de Saúl, de cabeza, ao intentar despexar un centro de Anxo. Para outro máis, o cuarto na súa conta particular, de Jorge rematando de preto un centro de Adrián.
Tamén puido conseguir o chamado gol da honra o conxunto local. Foi no minuto 89, tras un penalti cometido por Anxo ao derrubar un rival. Nin así. A tarde era de pesadelo para o conxunto aurinegro e Edu rexeitou co pé o lanzamento ao centro de Richi.
O partido fora un paseo para o Pontevedra, e un tormento para o Bertamiráns, na goleada máis escandalosa que se recorda a domicilio na historia do equipo granate.
BERTAMIRÁNS FC (0): José (2); Saúl (0), Diego (1), Jonatan (1), Ánder (0); Jaime (0); Puyi (1), Alvite (1), Brais (1), Boo (0); e Coria (0).
Substitucións: Juancar (1) por Coria, minuto 46. Richi (1) por Alvite, minuto 60. Miguel (s.c.) por José, minuto 78.
PONTEVEDRA CF (8): Edu (2); Adrián (2), Campillo (2), Bruno (2), Anxo (2); Kevin Presa (3); Álvaro Muñiz (2), Tomás (3), Mouriño (3); Pablo Carnero (3) e Jorge (3).
Substitucións: Benja (2) por Pablo Carnero, minuto 57. Fran Fandiño (2) por Álvaro Muñiz, minuto 57. Jacobo (2) por Mouriño, minuto 68.
Árbitro: Saúl López Parga (Lugo), auxiliado nas bandas por Gonzalo Gómez Lemos e Borja Quiroga Cerviño. Amoestou a Brais e Jaime, polo Bertamiráns, e a Jorge, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 26: Pablo Carnero. (0-2) Minuto 27: Jorge. (0-3) Minuto 40: Mouriño. (0-4) Minuto 51: Jorge. (0-5) Minuto 56: Jorge. (0-6) minuto 73: Benja. (0-7) Minuto 81: Saúl, en propia porta. (0-8) Minuto 83: Jorge.
Incidencias: Campo Municipal de Bertamiráns (Ames). Uns 400 espectadores, con maioría de afeccionados visitantes. Gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas do accidente de aviación acontecido no Alpes.