Boas sensacións para o Pontevedra CF no último amigable de pretempada goleando ao Vilalonga por 1-4.
O conxunto granate saíu cun once titular formado por Edu Sousa, Barbeiro, Garay, Mario Gómez, Zabaleta, Samu Mayo, Borja Domínguez, Yelko Pino, Chiqui, Charly e Dalisson.
Precisamente foi este último o que abriu a lata nada máis comezar o encontro. Non transcorreran nin tres minutos cando o hispano-brasileiro adiantou ao Pontevedra.
Sen tempo para a reacción, Charly devolveu o golpe ao Vilalonga e anotou o segundo para os granates, resultado co que se alcanzou o descanso.
Tras o paso polos vestiarios os de Yago Iglesias seguiron ao seu para aumentar a goleada. Esta vez foiYelko o que, no minuto 49 de xogo, asinaba o 0-3.
Á festa goleadora tamén se quixo unir Borja Domínguez para deixar sentenciado no encontro e subir o cuarto tanto ao marcador aos 56 minutos.
Alcanzada a hora, o técnico granate decidiu mover ficha e deu entrada a Valen, Javi Hermelo, Padín, Churre e Bastos e Manu Vizoso en portería en lugar de Chiqui, Mario Gómez, Dalisson, Garay, Yelko e Edu Sousa. No descanso entrara Álex González por Zabaleta.
Tras os cambios, aproveitou o Vilalonga para reducir distancias por medio de Tomás Abelleira, que fixo o único tanto para os seus, finalizando o partido nun 1-4 a favor dun Pontevedra que o vindeiro domingo ten a proba de lume co primeiro encontro oficial de liga.