Custoulle ao Pontevedra entrar no partido, tanto que mesmo o Rácing Villalbés se permitiu levar o peso na primeira parte, facendo que se xogase maioritariamente en terreo local. Os granates non estaban cómodos sen o balón, pero mantiñan o tipo soportados polo impecable labor de Pablo, atrás, e a inspiración dun Pablo Carnero presente en todo o bo que lograban crear os de Luisito.
Aínda así, as poucas aproximacións con perigo caían do lado local, que daba o primeiro aviso aos 10 minutos, nun remate de cabeza de Bruno, á saída dun corner, que detivo Viuski con apuros.
Sen conseguir ganduxar xogo, o Pontevedra ten arriba o que poucos equipos nesta categoría, e cando se asocian entre eles adoitan pasar cousas interesantes. Fixérono Tubo e Pablo Carnero, que meteu un balón ao espazo que o primeiro non puido aproveitar, tapando o meta visitante o seu remate en moi boa posición.
O Rácing Villalbés buscaba a Rubén Pardo, ben tapado por Pablo, e sacaba partido do seu dominio en forma de corners (ata sete lanzaron no primeiro tempo) e faltas laterais, sempre co mesmo denominador: lanzamento de Justino, buscando a cabeza de Muiña, desacertado nos balóns que conseguiu rematar.
Ata que Pablo Carnero desatou a tempestade e desatascou o seu equipo. Corría a media hora de xogo cando rouba un balón a Muiña, que reclamou unha falta do dianteiro, reclamación que pareceu máis ben froito do desespero ao ver como remataba a xogada. O dianteiro granate fíxoo case todo. Levouse o balón ata a liña de fondo, recortou nun palmo a Roberto e cedeu atrás para a chegada de Mouriño, que empalmou coa dereita, duro, raso e axustado ao pau.
Era o primeiro gol, que descompuxo os visitantes na mesma medida que deu ás aos granates. Sempre con Pablo Carnero como protagonista e dúas ocasións claras en apenas un minuto, ambas as dúas abortadas por excelentes intervencións de Viuski. A primeira nun duro remate, que rexeitou o meta, e a segunda nun gran remate de cabeza, a centro de Mouriño, que permitiu o lucimento do porteiro, voando para mandar o balón a corner.
O sucedido na segunda parte estivo a medio camiño entre a loucura e o descontrol máis absoluto. Cos dous equipos entregados a un partido roto polo centro, de ida e volta constante, no que ningún lograba impoñer o seu dominio. Con esas premisas o mesmo podía marcar un que outro. Fíxoo primeiro o Rácing Villalbés, que empatou aproveitando un erro de Bruno, minuto 58. José Varela foise en velocidade de Rubén Lobato gañando a liña de fondo para ceder a Rubén Pardo, que só tivo que empurrar.
A loucura seguiu e dela adoita tirar proveito o equipo que conta con xogadores de máis calidade. Fíxoo o Pontevedra, que avisou por medio de Álvaro Muñiz e Tubo, antes de que Pablo Carnero redondease unha grande tarde co gol que volvía poñer en vantaxe aos granates. Era o minuto 65 e a xogada nace dunha recuperación de Kevin Presa, cun gran pase interior que o dianteiro non desaproveita, coa colaboración involuntaria de Roberto, no que dá o balón para describir unha parábola e facer inútil o esforzo de Viuski.
Nin así se freou o tren. Mouriño puido ampliar a conta, pero a máis clara tívoa Mauro Poratti, que puido empatar nun disparo a queimarroupa, minuto 86, que salvou Edu evitando o empate. E como o fútbol é caprichoso, o que era unha vitoria apertada transformouse en goleada enganosa. Perdoara o Rácing Villalbés e na xogada seguinte unha contra do Pontevedra sentenciou o partido. Centrón púxoa, Anxo baixouna no segundo pau fusilando por raso.
Foi a puntilla pero quedaba unha guinda inesperada no desconto. Mouriño forzou unha falta na frontal. Centrou lanzouna con forza. Viuski rexeitou como puido e Tomas foi o máis listo para buscar o balón e rematar de cabeza pechando o marcador.
PONTEVEDRA CF (4): Edu (2); Adrián (1), Pablo (2), Bruno (1), Rubén Lobato (1); Kevin Presa (1), Álvaro Muñiz (1); Tubo (2), Jacobo (2), Mouriño (2); e Pablo Carnero (3).
Substitucións: Anxo (2) por Jacobo, minuto 68. Centrón (1) por Tubo, minuto 74. Tomás (1) por Álvaro Muñiz, minuto 84.
RÁCING VILLALBÿS (1): Viuski (3); Dani García (1), Muiña (2), Roberto (2), Pablo (1); Javi Varela (1), Make (1); José Varela (2), Justino (2), Villares (0); e Rubén Pardo (1).
Substitucións: Mauro Poratti (1) por Villares, minuto 69. Javi Rey (1) por Make, minuto 80. Hugo (s.c.) por Javi Varela, minuto 83)
Árbitro: David Iglesias Melón (Vigo), auxiliado nas bandas por Daniel Álvarez Domínguez e Eduardo Rivero Gores. Amoestou a Pablo, polo Pontevedra, e a Javi Varela e Muiña, polo Rácing Villalbés.
Goles: (1-0) Minuto 30: Mouriño. (1-1) Minuto 58: Rubén Pardo. (2-1) Minuto 65: Pablo Carnero. (3-1) Minuto 87: Anxo. (4-1) Minuto 92: Tomás.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.000 espectadores.