Primeira pedra na planificación do Bádminton Ravachol para a que será unha nova tempada na División de Honra.
O conxunto pontevedrés pechou a renovación da campioa inglesa Georgina Bland, que vivirá desta forma o seu cuarto curso consecutivo na Boa Vila.
Desde a súa chegada en 2020 na tempada do ascenso á máxima categoría, Bland foi unha peza importante do Ravachol chegando a disputar ata 37 partidos de liga con 23 vitorias. A cifra de triunfos é ademais sobresaliente na súa especialidade de individuais, con 19 vitorias en 20 partidos.
"A renovación de Gina foi un puro trámite, non foi necesaria ningún tipo de negociación máis aló de dúas mensaxes de whatsapp. Ela quere seguir connosco, e nós estamos encantados con ela, polo que o anuncio da súa renovación non nos podería facer máis felices", explica Jesús Pereiro, director deportivo do Ravachol.
En canto ao resto da planificación "agora estamos centrados en seguir consolidando o proxecto na máxima categoría, e para iso o primeiro obxectivo é manter ao plantel do ano pasado. No apartado de fichaxes, temos varios nomes en mente, pero estamos a dar prioridade ás renovacións", adiantou Pereiro.