Garay confía na vitoria granate ante o CD Cayón: "Na casa sentímonos moi cómodos e moi arroupados pola nosa xente"

Pontevedra
31 de xaneiro 2024

O defensor do Pontevedra C.F. recoñece que a competición está a ser "complicada" e admite que o obxectivo é superar os números logrados polo equipo que dirixe Yago Iglesias na primeira volta. O xogador de campo que suma máis minutos esta tempada anima á afección granate a achegarse o domingo a Pasarón para que continúe sendo un "fortín" 

Benjamín Garay, no partido de liga entre Pontevedra CF e Guijuelo en Pasarón
Benjamín Garay, no partido de liga entre Pontevedra CF e Guijuelo en Pasarón / Cristina Saiz

Benjamín Garay, o xogador do Pontevedra Club de Fútbol con máis minutos esta tempada xunto ao porteiro Edu Sousa, expresaba este mércores o agradecemento ao adestrador Yago Igleias e ao corpo técnico pola confianza depositida no seu xogo sendo sempre titular e xogando todos os partidos do campionato. "Tento deixar todo no campo e poñerme ao dispor de todo o equipo", manifestaba o central ante os medios.

O defensa granate mantiña que o obxectivo marcado neste momento é "superar os números que fixemos na primeira volta. Creo que estamos polo bo camiño", asegurou coa vista posta no partido que o Pontevedra C.F. afronta o domingo contra o CD Cayón: "agora vénnos un rival co que conseguimos un punto no seu campo e esperamos conseguir os tres no noso", lembrando o empate a un gol da primeira volta.

"Creo que é unha liga complicada. Xogamos contra todos os rivais e algúns se nos complicaron máis que outros" comentou Garay facendo balance da competición e sinalou que todos os rivais están a se marcar obxectivos. "Na casa metémoslle seis ao Langreo e agora empatamos. Os partidos hai que xogalos e aínda queda moita liga", asegurou.

"Agora os equipos empezan a xogar cousas. Os de arriba non queren baixar do alto da táboa e os de abaixo queren saír de aí", indicaba o xogador granate animando á afección para apoiar o equipo nos próximos compromisos na casa: "agora temos o mes de febreiro, mes Pasarón. Animo á xente a que nos acompañe, para nós é un plus ver as bancadas con moitos granates para tentar sacar os tres puntos en casa en todos os partidos".

Garay: "agora temos o mes de febreiro, mes Pasarón. Animo á xente a que nos acompañe"

Neste mesmo sentido, Garay admitiu que "na casa sentímonos moi cómodos e moi arroupados pola nosa xente. Iso nótase. Dános un plus sobre os rivais. Temos que seguir con esa dinámica, que Pasarón sexa un fortín e que os tres puntos non escapen de aquí".

O xogador incidiu no feito de que contra o Langreo lograban manter a portería a cero, a pesar de perder o liderado co empate, "é algo positivo a destacar. Sempre é positivo sumar e ese punto que conseguimos fóra temos que facelo bo coa nosa xente, aquí, na casa".

Garay tamén fixo referencia ao nivel do plantel granate para afrontar o que queda de tempada: "temos unha competencia moi sa. Calquera xogador que xogue pode facelo moi ben".

O próximo reto será este domingo 4 de febreiro ás 17.00 horas no Estadio Municipal de Pasarón fronte ao CD Cayón, que ocupa o 14º posto na táboa clasificatoria, en zona de descenso.