Gañar ao Izarra, reto do Pontevedra ante "un equipo durísimo no seu campo"

Pontevedra
02 de abril 2016

O equipo navarro só encaixou tres goles no seu estadio ao longo da tempada. Os granates, concientes de que "se queremos estar aí non queda outra que gañar" no campo de Merkatondoa, asegura Luisito. Hugo, Adrián e Tomás quedan fóra da convocatoria

Luisito durante un adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
Luisito durante un adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

Ten claro o Pontevedra que "se queremos estar aí non queda outra que gañar" no difícil campo de Merkatondoa.

Refírese Luisito ao partido que este domingo (17:00 horas) afrontan os granates no campo do Izarra, equipo recentemente ascendido que marcha nunha cómoda posición na táboa (undécimo) grazas á súa fortaleza como local.

No seu estadio o cadro navarro só perdeu dous partidos (Celta B e Somozas) e só encaixou a ridícula cifra de tres goles, o que demostra que "son un equipo durísimo no seu campo", defende o técnico do equipo pontevedrés.

Luisito deixou fóra da convocatoria a Hugo, Adrián e Tomás

Romper a muralla defensiva local será por tanto un dos aspectos craves do partido. Para conseguilo Luisito introduciu novidades nunha convocatoria á que volve Company e da que caen Hugo, Adrián e Tomás, ademais dos lesionados Pablo Carnero e Capi e de Adrián Mouriño, que será operado o luns.

Desta forma a lista de 16 compóñena: Edu, Company, Miguel, Verdú, Pablo, Bruno, Kevin, Jandrín, Álex Fernández, Borjas, Jacobo, Anxo, Queijeiro, Pedro García, Bello e Campillo.

O árbitro do encontro será Óscar Sauleda Torrent, do colexio territorial catalán.