Gañar ao Internacional de Madrid, paso obrigado para que non se escape o tren do play-off

Pontevedra
09 de febreiro 2019

O Pontevedra Club de Fútbol fíase de novo á súa fortaleza na casa para manterse na pelexa pola fase de ascenso, o que pasa por vencer este domingo (17:00 horas) ao Internacional de Madrid

Churre, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Churre, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Importante xornada de liga este domingo (17:00 horas, Estadio Municipal de Pasarón) para un Pontevedra Club de Fútbol que non quere ver afastarse o tren do play-off de ascenso, agora a tres puntos de distancia. 

Para iso, tras os seus últimos tropezos a domicilio, os granates fíanse á súa fortaleza na casa para tentar dobregar ao Internacional de Madrid, décimo clasificado da táboa con 29 puntos, e tentar aproveitar os enfrontamentos directos entre aspirantes.

A este respecto Sanse e Ponferradina veranse as caras, do mesmo xeito que Real Madrid Castilla e Cultural Leonesa, os catro equipos que preceden ao Pontevedra na clasificación. Con todo Luismi defende que "ver otros resultados es echar las cuentas de la lechera, hay que pensar en nosotros", polo que se centra no que ocorra no céspede de Pasarón.

Será un duelo, asegura o técnico, que "no tiene nada que ver con el de la primera vuelta", no que cederon por 3-0, fiando o máis importante nesta ocasión ao nivel propio e a que "jugamos en nuestro campo", o que entende debe ser un factor diferencial.

En todo caso "no hay rivales fáciles, se está viendo cada jornada", avisa, e o Inter é un equipo "bien organizado defensivamente, donde trabajan todos desde el portero hasta el delantero".

A nivel deportivo, coa dúbida sobre o estado físico de David Castro, Luismi conta con 18 xogadores do primeiro plantel dispoñibles, debido ás sancións de Kevin e Campillo e á lesión de Álex Fernández. O que regresa á convocatoria é Churre, que apunta ao once titular no centro da defensa como tamén o fai na medular o recentemente chegado Borja Domínguez, aínda que se trata dunha opción que "no es segura al 100%", recoñeceu o adestrador granate en rolda de prensa.

As entradas para o choque fixáronse en 20 euros para a bancada de Tribuna, 15 para Preferencia e 10 euros nos fondos, e o colexiado será o asturiano Enrique Gao Aladro.