Numerosos afeccionados ao fútbol gaélico gozaron este sábado da xornada final do Campionato de Europa no campo da Xunqueira onde destacou o papel da Selección Galega tanto masculina como feminina.
Coroouse campión da Copa Development do europeo o equipo galego, que superou en semifinais a Bretaña por 10-4. Na final atopouse cunha Francia que o puxo complicado pero á que gañou por 14-9.
O título de campioas de Europa da Shield tamén o conseguiu o equipo feminino galego. Gañou de forma solvente a Alemaña; nas semifinais fixo o propio contra Bretaña e, na final, cun gol no último suspiro, gañou a Francia por 6-7 para facerse co título.
Á xornada final tamén accederon as galegas de categoría absoluta, que chegaban á cita con intención de revalidar o título continental. Con todo, despois dun torneo no que fixeran pleno de vitorias, chegaron ao partido polo campionato onde finalmente caeron contra a selección gala por 15-10, conseguindo un meritorio segundo posto.
Por último, a selección masculina Championship accedeu ás semifinais pero non foi capaz de superar a Francia, contra a que perdeu por 7-3, e tívose que conformar cunha valiosa terceira posición.
Desta forma, Poio e Pontevedra poñen fin dous días intensos dunha competición que congregou a ao redor de 400 deportistas repartidos en 25 equipos diferentes.