Galicia mostra as súas armas para o Campionato do Mundo Dúatlon

Pontevedra
28 de maio 2014

Gustavo Rodríguez, Inés Santiago, Antonio Serrat e Susana Rodríguez representarán a Selección Galega en Pontevedra. ademais dos deportistas inscritos nos Grupos de Idade

Antonio Serrat, Gustavo Rodríguez, Inés Santiago e Susana Rodríguez no CGTD
Antonio Serrat, Gustavo Rodríguez, Inés Santiago e Susana Rodríguez no CGTD / Mónica Patxot

Gustavo Rodríguez, Inés Santiago, Antonio Serrat e Susana Rodríguez representarán a Galicia o próximo sábado no Campionato do Mundo de Dúatlon de Pontevedra.

Os catro deportistas, presentados este mércores dentro do equipo da Federación Galega, súmanse aos representantes da comunidade clasificados para os diferentes Grupos de Idade.

O único deles que competirá en categoría Elite será Gustavo Rodríguez, que cobre a ausencia de Javier Gómez Noya coa intención de pelexar polos primeiros postos, ao igual que o Nacional do pasado ano no que finalizou en segundo lugar.

Para Rodríguez "Pontevedra es un sitio especial, por como se vuelca la gente", polo que se mostra "muy motivado" para superar o seu hándicap coa carreira a pé, pois chega con mellor preparación na bicicleta.

Antonio Serrat pola súa banda participará na categoría Júnior, ao igual que Inés Santiago, a pesar de encontrarse aínda no seu último ano de cadete.

Ademais Susana Rodríguez completa a formación galega no Paradúatlon, no que aspira ao podio na súa categoría.

Os catro deportistas adestran habitualmente no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra dentro dos grupos de tecnificación e alto rendemento.

Na presentación do equipo galego estiveron presentes o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, o coordinador técnico da Federación Galega de Triatlon, Luis Piña, e o adestrador Omar González.