O futuro da loita pontevedresa rende a bo nivel no Hero Lady Open de Polonia

Pontevedra
10 de decembro 2024

Trátase de Nadiia Zholtikova (Club de Loita Pontevedra) e Ana Ferro (Club Senín de Cambados), que foron as representantes galegas no Hero Lady Open de Loita Feminina

Ana Ferro (esquerda) e Nadiia Zholtikova (dereita)
Ana Ferro (esquerda) e Nadiia Zholtikova (dereita) / Federación Galega de Loita

Dúas son as loitadoras pontevedresas que, segundo a Federación Galega de Loita, forman xa parte dunha nova substitución xeneracional da selección nacional feminina.

Trátase de Nadiia Zholtikova (Club de Loita Pontevedra) e Ana Ferro (Club Senín de Cambados), que foron as representantes galegas no Hero Lady Open de Loita Feminina.

A este torneo, que se celebrou esta pasado fin de semana na cidade polaca de Boguszów-Gorce, acudiron as dúas deportistas que adestran no CGTD de Pontevedra.

Zholtikova, que competiu na categoría de -53 quilos, terminou nunha notable duodécima posición, mentres que Ferro, que loitou na de -73 quilos, foi oitava no seu peso.

España regresou de Polonia con tres medallas, un ouro e dous bronces, o que demostra o potencial deportivo da selección, que a esta cita acudiu con dezaoito deportistas.

As dúas deportistas pontevedresas terán o seu próximo obxectivo no Torneo Internacional de San Blas, en Madrid, que se disputará a mediados deste mes de decembro.