Fronte ao último Narón, o Pontevedra necesita gañar e convencer para afrontar a fase decisiva da liga

Pontevedra
23 de febreiro 2013

Milo Abelleira non poderá contar con Adrián Gómez, por sanción, nin co capitán Caco, que volveu sufrir molestias nos isquiotibiales

Utilizando o argot ciclista, o Pontevedra afronta a última etapa trollo antes de entrar na montaña. Pero con cautelas. As etapas chairas viron como os granates caían precisamente vítimas dos "abanos" quedando demorados fronte a rivais en teoría dos máis débiles da categoría, o último e máis recente exemplo o da pasada xornada, o Céltiga.

E precisamente visita Pasarón o último e case descendido Narón. Un equipo ante o que na primeira volta comezou o calvario granate nos choques contra os rivais da zona baixa. O partido do domingo, 17.00 horas, dirixido polo colexiado Álvaro Formoso Doval (Ourense), é dos chamados trampa. A vitoria local presuponse unha obriga, e polo tanto exentar de gloria deportiva, pero unha derrota sería pouco menos que botar por terra calquera indicio de ilusión e esperanza de cara ao futuro próximo.

Milo Abelleira ensaiou cos seus homes no escenario do partido na mañá do sábado. Foi un adestramento non moi intenso no que se dedicou unha atención especial á preparación de xogadas de estratexia, con lanzamentos de corners e faltas laterais.

Caco será baixa ao resentirse das súas molestias nos isquiotibiales

A nota positiva púxoa Cristóbal Juncal, que adestrou case con normalidade malia as súas molestias no nocello, pero a negativa estivo no capitán, Caco, que comezou o adestramento co grupo pero inmediatamente houbo de parar ao reproducírselle as molestias nos isquitibiales, polo que rematou o traballo en mans do fisioterapeuta e en principio quedou descartado da lista de convocados.

Ante este situación, e tendo en conta a baixa por sanción de Adrián Gómez, o once inicial que Milo opoñerá ao Narón pode ser o formado por: Lloves; Cristóbal Juncal, Yago Vázquez, Pablo, Nano; Tubo, Moisés, Jacobo, David Pérez; Richi e Santi Domínguez, completando a convocatoria: Lorenzo, Pacheco, Sestelo, Iago Paz e Stefan.

Claro que cabería algunha variación en función do estado do terreo, un pouco brando, como sería a de incorporar ao once inicial a Iago Paz, pasando nese caso Jacobo á banda esquerda e quedando David Pérez no banco.

Ao termo do ensaio, Santi Domínguez, que atravesa un mal refacho ante o gol, non quería pensar máis alá deste partido: "Temos que centrarnos neste partido, exclusivamente. Contra os de abaixo non tivemos bos números, así que imos buscar os tres puntos e logo que nos axuden os resultados dos demais".

Santi Domínguez: "Non teño ansiedade nin nada polo estilo por non marcar, espero romper ese refacho"

Santi non se inquieta ante a súa seca goleadora: "Que non se metan goles non quere dicir que non se renda. Está claro que a todos os dianteiros nos gusta marcar, pero se non se meten e o equipo gaña, tampouco me preocupa. Non teño ansiedade nin nada polo estilo por non marcar, espero romper ese refacho, pero como te dixen antes, se marco de marabilla pero se non o fago e gaña o equipo estarei igual de contento".

Iso si, o máximo goleador granate expresaba a súa confianza e a dos seus compañeiros en poder clasificarse para o play-off: "O vestiario está convencido de que ao final estaremos arriba. Hai moitos equipos metidos na loita, así que o que consiga ser regular alcanzará a cuarta ou terceira praza, que son as que quedan, espero que unha sexa para nós".