A Ría de Pontevedra acolleu este domingo unha proba inédita ata o momento. Máis de 70 nadadores participaron na primeira travesía a nado entre Combarro e a illa de Tambo. Todo un espectáculo deportivo que atraeu a curiosidade de centos de persoas, que se achegaron ata as inmediacións da praia da localidade para ver en acción a estes deportistas que percorreron, segundo a categoría, entre 3,5 e 5 quilómetros.
Na proba de 5.000 metros, na que os participantes deron unha volta enteira á illa de Tambo antes de volver ao momento de partida, situado na praia de Combarro, a vitoria foi para o pontevedrés Francisco Torres Neira, que completou a proba cun tempo de 01:14:10. Foi 40 segundos máis rápido que Marcos Domínguez, natural de Baiona. Terceiro foi o tamén pontevedrés Daniel García Castiñeira (01:19:50).
Pola súa banda, na travesía de 3.500 metros, a vitoria foi para Ana Pérez García-Picher, que superou a todos os demais nadadores ao completar o percorrido en 43 minutos e 21 segundos. Segundo foi o pontevedrés Jacobo Ucha, que finalizou a tan só 26 segundos da gañadora e o podio completouno David Daporta Méndez (43:49). Neste caso, os participantes deron volta tras tocar terra na praia da illa de Tambo.
Ademais das probas absolutas, esta primeira travesía a nado entre Combarro e Tambo contou tamén cunha proba júnior na que os nadadores máis novos puideron probar tamén esta inesquecible experiencia.
Esta travesía, organizada pola empresa Neda o Mon en colaboración co Concello de Poio, pretende ser un punto de partida para integrar a illa de Tambo en máis competicións deportivas que se organicen no municipio.