Fran Fandiño, operado con éxito, xa pensa en acurtar os prazos da súa recuperación

Pontevedra
23 de outubro 2014

O futbolista do Pontevedra empezará este mesmo venres coa recuperación nas instalacións do Hospital Miguel Domínguez, no que permanecerá ingresado polo menos ata o sábado. O obxectivo pasa por estar a plena forma tralo parón de nadal

Fran Fandiño na habitación do Hospital Domínguez despois da súa operación
Fran Fandiño na habitación do Hospital Domínguez despois da súa operación / Mónica Patxot

Só unhas horas depois de abandonar o quirófano, Fran Fandiño xa pensa en acurtar os prazos da súa recuperación e volver canto antes aos terreos de xogo.

O futbolista do Pontevedra foi intervido este xoves no Hospital Miguel Domínguez dunha rotura do ligamento lateral interno do seu xeonllo esquerdo, unha operación a cargo de Alberto e Rafael Domínguez que se efectuou por espazo aproximado dunha hora sen que se producisen complicacións.

Agora o centrocampista deberá permanecer un mes escaiolado, pero iniciará o seu rehabilitación de xeito inmediato, este mesmo venres no propio hospital, no que permanecerá ingresado polo menos ata o sábado.

Fran Fandiño: "Voy a negociar con el doctor a ver si me quita un poco antes la escayola"

Os doutores estiman que o periodo de baixa será de dous meses e medio, aínda que Fandiño podería empezar a traballar co equipo nun mes e medio.

Para acurtar estes prazos o centrocampista pontevedrés pensa empregarse a fondo, e ata con humor recoñece que "voy a negociar con el doctor a ver si me quita un poco antes la escayola".

O obxectivo de Fran pasa por estar a plena forma á volta do parón de nadal, no mes de xaneiro, e poder axudar ao equipo na segunda metade de campionato.