Fondo Norte, primeira bancada que colga o 'non hai billetes' para o Pontevedra-Villarreal

Pontevedra
03 de decembro 2024
Actualizado: 16:24

O club granate confirmou que a última hora da mañá deste martes superara a cifra de 3.500 localidades vendidas para o choque de segunda rolda de Copa do Rei

Fondo Norte de Pasarón no partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Levante
Fondo Norte de Pasarón no partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Levante /

Unha das bancadas do Estadio Municipal de Pasarón xa colgou o cartel de 'completo' para o partido de segunda rolda de Copa do Rei fronte ao Villarreal, previsto para este mércores 4 de decembro ás 21.00 horas.

Trátase do sempre animoso Fondo Norte, que esgotou o papel dispoñible a algo máis dun día para a ilusionante cita.

Así pode comprobarse no mapa interactivo da venda online, na que non se poden xa adquirir localidades de Fondo Norte pero tampouco dos sectores centrais superiores de Preferencia, Fondo Sur e Tribuna.

Venda entradas do Pontevedra-Villarreal a mediodía do martes 3 de decembro
Venda entradas do Pontevedra-Villarreal a mediodía do martes 3 de decembro Pontevedra CF SAD

De feito o Pontevedra confirmou que a última hora da mañá deste martes martes vendera máis de 3.500 localidades en total para o choque copeiro.

O cheo antóllase complicado, posto que quedarían aínda en carteira preto de 4.000 asentos, pero o bo ambiente está asegurado e a expectación non deixa de crecer conforme se achega a cita.

Cabe lembrar que os socios contan co acceso de balde, incluído no seu abono, polo que se camiña xa cara aos 3/4 de aforamento ocupado.

As entradas para a Copa do Rei poden adquirirse tanto de maneira presencial nas oficinas de Pasarón (e nos despachos de billetes desde unha hora antes do partido) como en liña.

Os prezos para o público adulto foron fixados en 25 euros nos fondos, 35 euros na bancada de Preferencia e 45 euros na de Tribuna, mentres que os afeccionados de categoría xuvenil (até os 16 anos) deberán pagar 20 euros en fondos e Preferencia e de 25 euros en Tribuna.