Tras semanas de espera xa hai horario confirmado para o importante partido de liga entre Pontevedra Club de Fútbol e CD Numancia da xornada 20 de liga.
O duelo entre os dous candidatos ao ascenso directo debía terse disputado o pasado 26 de xaneiro, pero foi aprazado entón polo temporal fixándose como nova data o mércores 19 de marzo.
Faltaba por coñecer o horario concreto do choque, e é o que o Comité de Competición validou este martes.
O Pontevedra apurou de feito o prazo máximo para fixar o horario do partido, xa que a normativa esixía establecelo 15 días antes do duelo, sendo esta unha potestade do club local.
Desta forma, o Pontevedra-Numancia xogarase ás 20.30 horas da tarde do mércores 19 de marzo.
Cabe lembrar que o club granate activara unha promoción para ese encontro, dando a posibilidade aos seus abonados de retirar dúas entradas para acompañantes por un prezo de 10 euros.
Esas localidades serán válidas agora. En canto aos prezos para o público xeral, fixáronse en 12 euros nos fondos, 15 euros en Preferencia e 20 euros en Tribuna para o público adulto.
Só un punto separa agora mesmo a Numancia (51) do Pontevedra (50), aínda que antes da cita deberán ambos os dous afrontar dous partidos máis de liga. Os granates recibindo o Guijuelo en Pasarón e visitando o Real Avilés, mentres que os sorianos xogarán a próxima xornada a domicilio contra o Marino e despois na casa fronte ao CD Laredo.