Xa hai data para o partido entre Sociedad Deportiva Teucro e Balomán Cañiza correspondente á novena xornada de liga da Primeira Nacional de Balonmán.
Cabe lembrar que este duelo estaba fixado para o sábado 16 de novembro no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.
Con todo foi suspendido ao aceptar o Comité de Competición a solicitude do cadro teucrista ao contar con sete dos seus xogadores de baixa por enfermidade.
Agora, días despois e co plantel do Teucro volvendo á normalidade, o duelo foi fixado de novo.
Este partido pasa agora a disputarse o mércores 18 de decembro ás 20.30 horas.
A nova data obrigará a un gran esforzo aos dous equipos, que na última semana antes de parón do Nadal deberán afrontar tres encontros.
No caso do Teucro o sábado 14 de decembro teñen previsto visitar a cancha da Reconquista de Vigo, mentres que o 21 de decembro pecharán 2024 recibindo o Balonmán Lalín no Municipal.
Cun partido menos que os seus rivais, actualmente o conxunto pontevedrés ocupa a sétima posición da táboa con 11 puntos.