Fixada para este xoves na Praza da Pedreira a recepción pública do Concello a Tere Abelleira

Pontevedra
23 de agosto 2023

A recepción municipal á campioa do Mundo de fútbol terá lugar ás 20.30 horas da tarde. A Deputación pola súa banda traslada ao venres o seu acto de homenaxe con deportistas da provincia

Pantalla xigante na Ferrería para apoiar a Tere Abelleira na final do Mundial
Pantalla xigante na Ferrería para apoiar a Tere Abelleira na final do Mundial / Cristina Saiz

Xa hai data e hora prevista para o acto oficial de homenaxe que o Concello de Pontevedra brindará a Tere Abelleira tras proclamarse campioa do Mundo coa Selección Española.

A administración local confimou que a recepción pública á futbolista terá lugar na Praza da Pedreira este xoves 24 de agosto ás 20.30 horas.

Será un acto dividido en dous, por unha banda cun recibimento público con todos os veciños e afeccionados que ata alí se despracen, e por outro o acto institucional cunha recepción oficial no interior do Pazo de Mugartegui.

A esta recepción están convidados os membros da corporación municipal e familiares de Tere Abelleira. 

Segundo explica o Concello a futbolista asinará no libro de honra da cidade, recibirá un agasallo institucional e saudará desde o balcón, estando previsto que tanto a xogadora como o alcalde tomen a palabra.

O ACTO DA DEPUTACIÓN, TRASLADADO AO VENRES

Pola súa banda a homenaxe organizada pola Deputación de Pontevedra trasladarase finalmente ao venres 25 de agosto, para poder así cadralo na apertada axenda da flamante campioa mundial.

Trátase dun acto ao que se convidou os clubs femininos da provincia e que terá lugar a partir das 12.00 horas na Cidade Infantil de Príncipe Felipe.

A FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL SÚMASE ÁS HOMENAXES

Tamén a Real Federación Galega de Fútbol anunciou a súa propia homenaxe a Tere Abelleira, que tendrña lugar este xoves (19.45 horas) na sede federativa situada xunto ao Estadio Municipal de Pasarón.

O colofón a este acto será o bautizo do salón de actos e aula de formación da sede federativa de Pontevedra co nome de Teresa Abelleira.