Fixada a data e hora do Pontevedra-Levante de Copa do Rei

Pontevedra
14 de outubro 2024

O encontro de primeira rolda da Copa do Rei disputarase no Estadio Municipal de Pasarón o mércores 30 de outubro

Partido entre Pontevedra CF e CD Tenerife en Pasarón na Copa do Rei 22-23
Partido entre Pontevedra CF e CD Tenerife en Pasarón na Copa do Rei 22-23 / Cristina Saiz

Xa hai data para o partido de primeira rolda da Copa do Rei que enfrontará o Pontevedra Club de Fútbol co Levante UD da Segunda División.

Segundo confirmou a Real Federación Española de Fútbol, a eliminatoria a partido único disputarase no Estadio Municipal de Pasarón o mércores 30 de outubro ás 20.00 horas.

Será ademais un duelo retransmitido en directo pola Televisión de Galicia, que até a data esta tempada non tivera acceso aos partidos dos granates en liga ante a falta de acordo pola cesión dos seus dereitos televisivos.

Agora só falta coñecer o prezo das entradas para o público xeral, posto que o acceso dos socios está incluído no seu carné de tempada.

Será a segunda vez que Pontevedra e Levante vexan as caras nunha eliminatoria copeira. A anterior, na afastada campaña 61-62, decantouse a favor dos granates con derrota en terras valencianas (3-0) e triunfo en Pasarón (5-0).