Eva Vilaverde, alcaldesa accidental, entregou este martes 30 os premios na cerimonia de clausura do Torneo Internacional de xadrez XII Cidade de Pontevedra, disputado desde o mércores 24 de xullo no Colexio Los Sauces.
Despois de nove roldas, cun ritmo de xogo de noventa minutos máis trinta segundos de incremento por xogada, o italiano Andrea Stella logrou a vitoria final na categoría Masters.
A Stella só lle valía a vitoria para alzarse co título, e tras máis de catro horas de partida, conseguiu derrotar ao mestre indio Shete Sammed, grazas a unha brillante exhibición técnica que lle permitiu obter unha vantaxe decisiva dun peón.
O subcampionato foi para o Gran Mestre letón Illmars Starostits, quen venceu ao mozo ucraíno Yevdeniy Roshka e alcanzou 6.5 puntos, adxudicándose o segundo posto polo seu mellor coeficiente de desempate. O terceiro posto do podio completouno o chinés Honseng Chen, tras impoñerse ao venezolano Pedro Martínez Reyes.
A venezolana Tilsia Varela, con 4.5 puntos, foi a primeira muller clasificada, finalizando no posto 26 da xeral.
Samuel Villar erixiuse como o mellor clasificado de Galicia, terminando na décimo quinta posición con 5.5 puntos, tras vencer a Pampillón e beneficiarse da retirada de Julio Suárez.
O premio especial Ramón Escudeiro Tilve á mellor partida de ataque foi para o estremeño Pablo Regaderas, quen asombrou ao público cunha partida maxistral, derrotando ao número dous do ranquin cun sacrificio final de dama.
CATEGORÍA AMATEUR
Na categoría amateur, Bernardo Rebollo da Escola Xadrez Pontevedra levou o título tras unha serie de empates nas mesas principais.
Rebollo, quen perdera o campionato anterior por un desempate, logrou 7.5 puntos con 6 vitorias e 3 empates.
O seu compañeiro de equipo Álvaro Maquieira quedou en segundo lugar, con 7 puntos, seguido por Pablo Cordido de Santiago de Compostela, quen tamén alcanzou os 7 puntos pero cun peor coeficiente de desempate.
Noa Costas, con 5.5 puntos e unha notable mellora de 44 puntos no seu ranquin internacional, foi a primeira muller clasificada na categoría amateur.
O galego Carlos Pena Torres gañou a categoría veterana tras vencer a Diego Galeano e superar ao madrileño Lorenzo García no desempate final, ambos con 6.5 puntos.
Os gañadores das categorías de promoción foron Mateo Rey Barciela en Sub10, Nicolás Fernández Sabajanes en Sub12, Javier del Valle Crespo en Sub14 e Diego Jario Domínguez en Sub16.
O torneo repartiu un total de 12.000 euros en premios, material didáctico para as categorías de promoción e trofeos exclusivos co formato do peón representativo da Escola Xadrez Pontevedra.
A edición de 2024 dedicouse ao mozo xadrecista pontevedrés Alberto Eyo Castro-Rial, falecido en 2023.
As partidas do torneo están dispoñibles nos principais portais de xadrez e napáxina web oficial da Escola Xadrez Pontevedra.