Fin do proceso electoral no Teucro sen candidatos á presidencia

Pontevedra
14 de abril 2022

O club pontevedrés seguirá rexido polo momento por unha xunta xestora, ao finalizar o prazo de presentación de candidaturas á presidencia sen a aparición de ningún candidato

Asemblea de socios da Sociedad Deportiva Teucro
Asemblea de socios da Sociedad Deportiva Teucro / Mónica Patxot

A Sociedad Deportiva Teucro seguirá rexido, polo menos polo momento, por unha xunta xestora.

O proceso electoral aberto á presidencia da entidade, o segundo desde a marcha en 2019 de Carlos García-Alén, completouse sen a aparición de ningún candidato para asumir o posto e a xestión do vicedecano do balonmán nacional.

Trátase de algo esperado polos membros da xestora actual, ao non detectar estas semanas o interese de ningún socio por reunir os avais necesarios para presentarse á presidencia.

Pechado este mércores 13 de abril o prazo de presentación de candidaturas, o Teucro debe agora celebrar unha nova asemblea de socios para dar por  finiquitado o proceso electoral e constituír unha nova xunta xestora para os próximos anos, nos que se enfrontará aos últimos pagos da débeda concursal unido a unha xa inevitable caída deportiva á Primeira Nacional.

Ese órgano reitor, no que se espera a continuidade da maior parte da directiva actual, estará aberto á entrada tamén de novos socios.