Festa do fútbol base galego na Xunqueira, Monte Porreiro e Ponte Sampaio

Pontevedra
04 de marzo 2025

Ao redor de 600 futbolistas, en idade sub-11 e sub-13, estaban chamados a participar este martes na Boa Vila no Campionato Galego de Seleccións Comarcais

Campionato Galego de Seleccións Comarcais en Pontevedra
Campionato Galego de Seleccións Comarcais en Pontevedra / RFGF

Ambiente de gala en Pontevedra para gozar este martes de Entroido do Campionato Galego de Seleccións Comarcais para as categorías Sub-11 (fútbol 8) e Sub-13 (fútbol 11).

Por primeira vez un dos grandes eventos anuais da Real Federación Galega de Fútbol organizábase de maneira conxunta para as categorías femernina e masculina.

Esta circunstancia facía que fosen até 600 os e as futbolistas convocados para a ocasión, acompañados moitos deles polos seus familiares.

É por iso que foi moito o público presente desde primeira hora da mañá (9.30 horas), cando o balón botaba a rodar iniciando unha maratoniana xornada que se ía a prolongar até as 20.00 horas da tarde.

En canto aos partidos, a competición Sub-13 tiña como sede os dous campos de fútbol do Complexo Deportivo Manolo Barreiro da Xunqueira.

Pola súa banda en idade Sub-11 o campo municipal de Monte Porreiro foi o escenario escollido para o torneo masculino e o de Ponte Sampaio para o feminino.

Participaron un total de 32 seleccións procedentes de Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Costa da Morte.

A competición, en formato de liga, outorgou puntos ás seleccións participantes que contabilizarán de cara á clasificación para a fase final do torneo.