Por unha vez o fútbol foi xusto co único equipo que intentou practicalo e ese foi o Arosa, que realizou unha moi boa primeira parte e logo foi capaz de aguantar a renda obtida, a pesar das brusquidades e provocacións do rival, que nivelou a contenda e mesmo fixo sufrir aos arlequinados grazas á permisiva actuación arbitral, que lle consentiu unha dureza que en bastantes ocasións superou os límites.
Claro que os defensores con decisión do "resultadismo" dirán que o chamado "outro fútbol" tamén é fútbol, e nesa faceta o Bertamiráns foi claramente mellor, pero para que ese "outro fútbol" se poida poñer en práctica tes que contar cun colexiado que utilice dúas varas de medir, porque non deixa de ter a súa broma que o equipo que levou as patadas, o Arosa, remate en inferioridade, cun xogador e o seu técnico expulsado, e o que repartiu "cera" abondo para pulir un edificio enteiro, rematase con todos os seus xogadores o partido, cando polo menos dous deles deberon irse á ducha moito antes do final, por senllas agresións que o colexiado ignorou.
Contra todo iso tivo que loitar o cadro arlequinado. Nun ambiente apaixonado, con dous afeccionados envorcadas coas súas respectivas cores, pero cunha exquisita deportividade, iso si, nas bancadas e entre ambas as dúas directivas. O Arosa foi mellor. Puxo o fútbol. Puxo o único gol do partido, e logo aguantou sen dar apenas opcións o rival, sen responder ao xogo subterráneo, con intensidade, con concentración defensiva.
Piscis sabía que o ascenso a Terceira División tiña un camiño, o camiño do sufrimento. E non se equivocou. O empate a un gol da ida obrigaba o Arosa a marcar polo menos un gol. Conscientes diso os arosistas saíron envorcados. Dende o asubío inicial empurraron con forza. Dous minutos sen permitir que o Bertamiráns saíse da súa parcela. Dous minutos e unha falta decisiva. Adrián Camiño, golpeando coa empeña exterior e tamén con toda a súa alma, soltou un mísil que salvou a barreira e coouse xunto ao poste que debía tapar o porteiro, ao que a violencia do disparo non lle deu tempo máis que para aplaudir.
O gol e a ambiciosa posta en escena do Arosa descolocou ao Bertamiráns, que se encontrou nun escenario que non se esperaba. E os nervios apoderáronse dos locais. Eloy era un pesadelo. Rivas axigantábase por momentos nos sempre perigosos, polas reducidas dimensións do campo, balóns aéreos. E Jorge facía o demais, dando seguridade nas accións a balón parado ou centros do equipo local.
Adrián Camiño levaba a batuta dunha orquestra ben afinada, á que só Xesús, que facía sufrir a Santi, conseguía inquietar. Ata que o Bertamiráns viu que xogando o fútbol o tiña difícil, e sacou o machado de guerra.
Tocaba a rebato. O colexiado, que durante a primeira parte mantivo o tipo, engurrouse e cedeu á presión da bancada, banco e xogadores locais. No minuto 53 ignora, a pesar de vela, unha clara agresión de Álex a Eloy. Logo as entradas intimidatorias de Gemelo, Héctor, e o teatro de Sergio, tamén quedaron sen sanción.
Piscis é expulsado por saír da área técnica, mentres o seu colega rival, Javi Touriño, se permitía o luxo de entrar no terreo e protestar a cada instante. Pero o Arosa decidira que nada lle ía impedir regresar á categoría que lle corresponde.
Rivas puido sentenciar de cabeza á saída dun corner, pero Jacobo sacou o remate baixo paus, con Jose batido. Os arlequinados deron un paso atrás, obrigados polas constantes faltas sinaladas no seu contra. Así, resistindo ao bordo da súa propia área, ían pasando os minutos, lentamente. A falta de 10 para o final, Jorge evita o empate cunha sensacional intervención, tras gran xogada de Xesús. Foi o maior susto que deu o equipo local.
O fútbol directo do Bertamiráns estrelouse coa firme defensa arosista e coa seguridade por alto dun Jorge impecable.
Cando o árbitro pitou o final, a explosión de xúbilo visitante contrastaba coa desolación local. Así é o fútbol, ese que ás veces dá vitorias aos que o maltratan, pero que noutras, como nesta ocasión, premia a quen máis o merece.
Na festa do ascenso destacaba un berro da afección: "O ano que vén Arosa en Pasarón"
A festa arosista prolongouse. Os afeccionados resistíanse a abandonar o campo. Os berros de "Arosa, Arosa" non deixaban se sonar, mesturados cun aviso ao veciño granate: "O ano que vén Arosa en Pasarón". O Arosa regresara a un lugar, a Terceira División, máis acorde coa súa historia, da man de Piscis, con Manolo Abalo ao leme da nave e cunha afección que gozou como non o facía en moitos anos.
BERTAMIRÁNS, F.C. (0): Jose; Jacobo, Otero, Guti, Gemelo; Héctor, Iván (Chema, minuto 46); Álex, Pablito (Santi, minuto 78), Jesús; e Sergio (Astray, minuto 71).
AROSA, S.C. (1): Jorge; Santi, Martín, Ríos, Juanjo; Rivas, Vixo; ÿscar Guimeráns (Nando, minuto 86), Adrián Camiño, Eloy (Borja, minuto 72); e Hugo.
Árbitro: Carlos Quintas Lorenzo, do colexio Galego (Ourense), auxiliado nas bandas por ÿscar López Iglesias e Manuel Casanova Cudeiro. Expulsou a Borja (minuto 82) por encararse co técnico local, ao Delegado do conxunto local, por protestar iradamente (minuto 52) e ao adestrador do Arosa, Piscis (minuto 55), por saír da súa área técnica. Amoestou a Gemelo, Guti, Sergio, Jesús, Astray, Ríos, Rivas, Vixo, Adrián Camiño e Eloy.
Goles: (0-1) Minuto 2: Adrián Camiño, de falta directa dende o bordo da área.
Incidencias: Campo Municipal de Bertamiráns. Cheo, cuns 1.000 espectadores, máis de 400 deles seguidores do Arosa.