Fernando Echávarri, vitoria na Copa do Mundo e pasaporte para os Xogos Olímpicos

Pontevedra
02 de maio 2016

O regatista pontevedrés e a súa compañeira no Nacra 17, a canaria Tara Pacheco, impuxéronse en Hyères selando de forma brillante a súa clasificación para os Xogos Olímpicos de Río 2016

Fernando Echávarri e Tara Pacheco tras vencer na Copa do Mundo de Hyères
Fernando Echávarri e Tara Pacheco tras vencer na Copa do Mundo de Hyères

Primeiro foron Javier Gómez Noya en tríatlon, Teresa Portela en piragüismo, Támara Echegoyen en vela e María Vilas en natación, e agora, de novo en vela, o deporte galego aumenta a nómina de deportistas con pasaporte para os Xogos Olímpicos de Río de Janeiro.

Trátase do regatista pontevedrés Fernando Echávarri, que ademais selou a súa clasificación de forma brillante, vencendo na Copa do Mundo celebrada na localidade francesa de Hyères.

Echávarri e a súa compañeira no Nacra 17, a canaria Tara Pacheco, só necesitaban participar na terceira e última proba fixada pola Federación Española como clasificatoria para os Xogos. Con todo non só se limitaron a tomar a saída, senón que lograron un triunfo de prestixio que lles fai subir postos na lista de aspirantes ao podio olímpico.

A parella galego-canaria chegou á última xornada da Sailing World Cup de Hyères na terceira posición parcial e saíu a por todas na definitiva Medal Race, onde gañaron con autoridade remontando ata o primeiro posto. Acompañáronlles no podio final os italianos Vittorio Bissaro e Silvia Socouri, segundos, e os australianos Jason Waterhouse e Lisa Darmanin, terceiros.

A loita de Echávarri e Pacheco coa outra tripulación nacional que aspiraba á praza olímpica, a do vasco Iker Martínez e a balear Julia Rita, viuse marcada polo contratempo dos segundos no Campionato do Mundo de Clearwater, cando un choque con outra embarcación ocasionou o seu abandono e provocou unha importante lesión de Martínez.