É, segundo o Comité Olímpico Internacional, o "mozo de ouro" do tríatlon español. Por iso, Olympic Channel, a canle de televisión que o COI emite por internet, non dubidou en ofrecerlle a Fernando Alarza ser o protagonista dunha divertida reportaxe que acaba de estrearse en todo o mundo.
Alarza, talavero de nacemento, leva tres anos afincado en Pontevedra. Adestra habitualmente nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e é xusto alí onde arranca a reportaxe, incluído na serie Transform my meal (Transformar a miña comida), na que deportistas se atreven a cociñar en compañía dun reputado chef.
No caso de Fernando Alarza, o seu compañeiro nos fogóns é Javier Olleros, propietario do restaurante Culler de Pau (O Grove).
O obxectivo desta iniciativa é, segundo o comité olímpico, axudar os atletas olímpicos a transformar os seus hábitos alimenticios, moi estritos na maioría dos casos, en verdadeiros pratos gourmet, mantendo ao mesmo tempo os valores nutricionais e a dieta que deben respectar para cumprir co seu réxime alimentario.
Así, no vídeo Olleros ensina a Fernando Alarza a converter unha triste tortilla de atún en toda unha delicatesen do mar, de forma que poida abandonar a monotonía das súas comidas e que haxa un pouco máis de sabor nos seus pratos.
Ademais, a reportaxe inclúe unha entrevista con Alarza no CGTD e imaxes do centro histórico de Pontevedra, cidade que se converteu no domicilio habitual do deportista español, terceiro na Copa do Mundo de tríatlon deste ano e un dos tres representantes que España tivo nesta disciplina nos Xogos Olímpicos de Río.