Falece Neme, lenda do 'Hai que roelo' e único internacional español absoluto na historia do Pontevedra

Pontevedra
20 de outubro 2022

O ex-futbolista salmantino faleceu este xoves aos 82 anos de idade. Foi un dos grandes heroes da época dourada do Pontevedra Club de Fútbol, ao que defendeu oito tempadas, cinco delas en Primeira División

Neme, xogador histórico do Pontevedra do 'Hai que roelo'
Neme, xogador histórico do Pontevedra do 'Hai que roelo'

O Pontevedra Club de Fútbol está de loito, tras confirmarse este xoves o falecemento dunha das súas lendas máis lembradas, Nemesio Martín Montejo 'Neme'.

O salmantino, único futbolista que chegou a xogar na Selección Española Absoluta vestindo a camiseta do Pontevedra, faleceu aos 82 anos de idade.

"Chéganos dende a súa Salamanca natal a triste noticia do falecemento de Nemesio Martín Montejo, Neme, lenda do Hai Que Roelo. As nosas condolencias para os seus familiares e amigos. ¡Neme, eterno nos nosos corazóns, descanse en paz!", sinalou o club granate tras confirmarse a noticia.

Neme defendeu as cores do Pontevedra durante oito tempadas, cinco delas en Primeira División como integrante do mítico 'Hai que roelo', cun total de 206 partidos nos que anotou 64 goles oficiais.

Aterrou en Pasarón en Segunda División na campaña 64-65, logrando o campionato e o ascenso á máxima categoría, onde estaría cos granates as seguintes cinco campañas. O seu gran rendemento esas tempadas fíxolle recibir a chamada da Selección Española Absoluta, coa que debutou un mes de decembro do ano 65 nun encontro contra Inglaterra.

Todo un fito que ninguén volveu a repetir ata a data.

Descanse en paz.