Falece a ex-atleta olímpica Felicia Tilea, fincada desde hai dúas décadas en Pontevedra

Pontevedra
03 de marzo 2025
Actualizado: 22:01

Especialista en xavelina pasou por varios clubs desde a súa chegada a España entre os que se atopa a Sociedad Gimnástica. Foi olímpica ata en catro ocasiones

Felicia Tilea | CA Scorpio 71
Felicia Tilea | CA Scorpio 71

O atletismo pontevedrés e galego está de loito polo falecemento de Felicia Tilea.

De orixe romanesa, a atleta fincou en Pontevedra fai xa máis de dúas décadas, a principios dos anos 2000.

Foi olímpica até en catro ocasións (Atlanta 96, Sidney 2000, Atenas 2004 e Pequín 2008), e desde a súa chegada á Boa Vila competiu para varios clubs cunha prolífica traxectoria en categoría máster.

Entre eses clubs estivo a Sociedad Gimnástica, sendo adestrada polo pontevedrés Santi Ferrer durante nove anos, tal e como lembra a Federación Galega de Atletismo.

A súa especialidade era o lanzamento de xavelina, na que é a actual plusmarquista mundial en categoría máster-50 (45.53 metros).

"Mostrou en todo momento unha extraordinaria capacidade de traballo e un non menos extraordinario compromiso co atletismo galego, acudindo a todas cantas veces foi convocada para tomar parte que Selección Galega de Atletismo e cuxas actuacións, resultaron sempre moi destacadas", afirma a Federación Galega.

Ademais das catro experiencias olímpicas, o seu maior éxito deportivo foi o subcampionato do mundo que logrou en Goteborg no ano 1995.

Felicea Moldovan faleceu despois dunha longa loita contra o cancro durante os últimos catro anos.