O Pontevedra Club de Fútbol xa ten ocupante para a súa portería, que contará coa difícil misión de encher o oco deixado polo capitán Edu Sousa tras a súa saída.
Trátase dun gardameta veterano, con experiencia na liga de Fútbol Profesional tanto en Primeira como en Segunda División, aínda que procede da categoría de bronce.
O elixido é Mario Fernández, porteiro cántabro de 32 anos que defendeu a meta de Unionistas de Salamanca no tramo final da pasada tempada, concretamente en 8 encontros desde a súa chegada ata a interrupción da competición.
A súa traxectoria está ligada sobre todo ao equipo da súa terra, o Real Racing de Santander, con quen disputou 14 partidos en Primeira División e 61 na categoría de prata. Ademais no seu currículo figuran pasos por Osasuna (7 encontros en Primeira), Rayo Vallecano e máis recentemente Cartagena, xa en Segunda B.
Mario convértese na terceira fichaxe do cadro granate, tras as legadas de Imanol García e Óscar Fernández.
Non será o único porteiro en chegar, xa que o Pontevedra busca outro gardameta para que compita polo posto, con prioridade a que ocupe unha das fichas sub-23 dispoñibles.