Éxito para o Galaico Sincro, subcampión do España alevín

Pontevedra
18 de xullo 2017

O club pontevedrés foi segundo e a clasificación por clubs do Campionato de España de Natación Sincronizada Alevín Promoción de Verán, disputado en Granollers, mentres o Club Natación Sincronizada Pontevedra finalizou no posto 18

Equipo do Club Galaico Sincro no Nacional de Granollers
Equipo do Club Galaico Sincro no Nacional de Granollers / Club Galaico Sincro

Con moito traballo, paciencia e ilusión a natación sincronizada galega, e pontevedresa en particular, segue dando pasos para elevar o seu nivel, como demostrou no Campionato de España de Sincro Alevín Promoción de Verán celebrado no municipio catalán de Granollers.

O Club Galaico Sincro derrubou unha barreira para lograr o subcampionato nacional na clasificación por equipos, ao terminar no segundo posto só superado polo Club Mediterránea, e por diante doutros 31 clubs.

A nivel individual e de parellas o club pontevedrés sumou tres medallas. En figuras Sara Villanueva foi prata e Andrea Pazos levou o bronce. Ademais ambas as nadadras repetiron presenza no podio cun bronce no dúo.

Polo Club Galaico Sincro competiron: Blanca Castro, Lorena Piñeiro, Antía Riveiro, Daniela Suárez, Sara Villanueva, Iria Costal, Candela del Campo, Mercedes Domínguez, Nayeli Faro, Inés Guijarro, Lucía Logroño, María Maquieira e Andrea Pazos.

En todo caso o Galaico non foi o único club da cidade de Lérez na competición de Granollers, xa que alí estaba tamén o Club Natación Sincronizada Pontevedra realizando á súa vez un notable papel finalizando no posto 18 na clasificación por equipos.