O Club Natación Galaico de Pontevedra escribiu unha páxina dourada na historia da natación galega durante o Campionato Galego Absoluto 2024, celebrado en Santiago de Compostela entre o 27 e o 29 de decembro.
O equipo feminino do clube pontevedrés conseguiu un fito histórico ao pulverizar o récord galego do relevo 4x50 estilos, que permanecía inamovible dende 2009.
O cuarteto formado por Rosalía Soler, Julia Rodríguez, Antía García e Henar Cons estableceu unha nova marca galega cun tempo de 1:56.06, mellorando en máis dun segundo o anterior récord que posuía o CN Coruña (1:57.13).
A exhibición das nadadoras do Galaico non quedou aí, xa que tamén conseguiron bater o récord do campionato no 4x50 libres cunha marca de 1:46.85, superando a anterior plusmarca do CN Ponteareas (1:47.13).
No apartado individual, destacou especialmente Sofía Barros, que se proclamou campioa galega absoluta nos 1.500 metros libre (17:01.54).
Pola súa banda, Xabier Aguilar conseguiu o título galego nos 200 metros mariposa cun tempo de 2:06.82.
O equipo feminino do CN Galaico dominou a competición proclamándose campión galego absoluto, mentres que o conxunto masculino rematou en sexta posición tras unha desafortunada descualificación no derradeiro relevo. Na clasificación conxunta, o clube pontevedrés acadou finalmente o terceiro posto.
O medalleiro do clube completouse con numerosos podios en diferentes probas, destacando as actuacións de Antía García (subcampioa en 50 e 100 metros libre), Rosalía Soler (subcampioa en 100 metros costas) e Julia Rodríguez (subcampioa en 200 metros mariposa), entre outros éxitos do club pontevedrés.