Existosa estrea de Támara Echegoyen na vela oceánica a bordo do Mapfre

Cerdedo-Cotobade
16 de agosto 2017

A regatista pontevedresa, primeira española en afrontar o reto da volta ao mundo na Volvo Ocean Race, foi parte da tripulación do desafío español que acaba de resultar vencedor na Etapa Cero da competición celebrada durante as últimas xornadas

Támara Echegoyen, durante a Etapa 0 da Volvo Ocean Race
Támara Echegoyen, durante a Etapa 0 da Volvo Ocean Race / Ugo Fonollá / Volvo Ocean Race

A primeira experiencia competitiva de Támara Echegoyen na vela oceánica non puido resultar máis positiva, ao impoñerse a bordo do VO65 do Mapfre na Etapa 0 da Volvo Ocean Race 2017-2018.

A regatista pontevedresa, primeira española que afrontará o reto da volta ao mundo a vela da Volvo, formou parte da tripulación do desafío español que este mércores, tras varias xornadas, resultou vencedor de proba.

A Etapa 0 contou con regatas na illa de Wight, a Rolex Fasnet Race e travesías entre Plympouth e Saint-Malo e entre Saint-Malo e Lisboa, sendo recortada pola organización esta última etapa ante a pouca intensidade do vento.

Aínda que non se trata dunha competición puntuable para a clasificación xeral da Volvo Ocean Race, foi a primeira vez na que o Mapfre viu as caras cos que serán os seus rivais na volta ao mundo, servindo ademais de adestramento de nivel para toda a tripulación.

O desafío español, con base en Sanxenxo, foi gañador de dous das regatas da Etapa 0 e segundo noutra delas finalizando con 29 puntos, cinco de vantaxe sobre o Dongfeng Race Team e seis sobre o Team Brunel.

A Volvo Ocean Race iniciarase o próximo 8 de outubro cun prólogo entre Lisboa e Alacante, aínda que non será ata o día 14 de outubro cando leve a cabo a primeira proba puntuable da competición, cunha regata costeira no porto da localidade alacantina.

Antes de todo iso Támara Echegoyen ten previsto reencontrarse coa clase olímpica 49erFX no mundial da especialidade, que se celebrará a partir do 28 de agosto na localidade lusa de Matosinhos e no que defenderá xunto á súa compañeira Berta Betanzos o ouro alcanzado o pasado ano en Florida.